A Escola de Música ortegana propón aos veciños da vila un curso de iniciación musical

|

A Escola de Música de Ortigueira (EMCO) súmase tamén á importancia de concienciar á cidadanía sobre a necesidqde de ficar na casa para contribuír á contención do coronavirus e achega unha actividade que, sen dúbida, permitirá a algúns veciños e veciñas da vila pasar de xeito máis ameno este obrigado illamento social.

Propón así a entidade dirixida por Carlos Diéguez, mestre de linguaxe musical na devandita escola, un curso de iniciación musical online dirixido a aquelas persoas que sempre quixeron estudar música pero non atoparon tempo para facelo, así como tamén todos cantos están xa matriculadas na EMCO, que desexen afondar nos seus coñecementos musicais. Pensa especialmente o responsable da actividade en toda esa xente do municipio que habitualmente participa da vida social a través das agrupacións corais e musicais e que agora vense, como o resto da poboación, privados dese contacto con outros compañeiros que para moitos é esencial.

Especifica Diéguez que poden participar nesta iniciativa tanto os residentes no municipio como todas aquelas persoas que se trasladaon ata a vila para pasar este período de corentena.

Prazas

As trinta prazas ofertadas nun primeiro momento foron axiña cubertas, polo que a escola decidiu ampliar a matrícula. Esta pode facerse a través da páxina web www.esmuortigueira.wordpress.com.

A formación ofrecida neste curso é personalizada e se fará a través da páxina web da escola cun contrasinal. Asimesmo, enviaranse exercicios vía email e correccións entre o alumnado e o profesor. Ao ser un curso online, cada un poderá ir facendo as tarefas e leccións ao seu ritmo. Os exercicios serán corrixidos polo profesor.

A Escola de Música ortegana propón aos veciños da vila un curso de iniciación musical