Tralo gran éxito de vendas e críticas acadado con “Lúas de outubro e agosto”, a compositora cedeiresa Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega e gañadora da edición deste ano dos Premios Martín Códax da Música na categoría de canción de autor, saca hoxe á venda o seu terceiro disco en solitario: “O mundo está parado”. Dez temas –6 escritos por ela, 3 por Carlos Abal e 1 por Pachi García, que de novo exerce como produtor musical– dan forma a un traballo que ve a luz nun exclusivo formato de vinilo con cedé incluído e fotografía tamaño 20x30 de Carlos Abal.
Que nos trae neste seu novo traballo?
Traio un disco basicamente un pasiño máis adiante co anterior, “Lúas de outubro e agosto”, pero que segue a mesma liña estética; máis achegado ao pop pero bastante sofisticado, cunha sonoridade máis entre eléctrica e acústica, porque hai cordas e ventos, a maiores da banda base que xa tiña o outro disco. É un disco ademais cheo de colaboracións como a de Rábade, Anxo Pintos, Santi Cribeiro....
Que conta nas dez cancións que dan forma ao disco?
“O mundo está parado” é basicamente unha reflexión sobre o momento no que vivimos a nivel vital, unha reflexión sobre a incoherencia, do difícil que é querer ser coherente no día a día, tanto a nivel individual, como a nivel da comunidade social. É unha reflexión dese mundo que vai demasiado rápido para algunhas cousas e que está parado a nivel humano para outras.
Un dos temas leva por título Cedeira. É unha homenaxe a súa terra?
Cedeira é un pouco ese resumo do que para min é esa importancia da comunidade social e do que vai de dentro a fóra, do individual ao plural e que un non é un se non pertence a unha tribu, a un grupo, con toda a súa diversidade e os seus defectos e virtudes. Entón foi un pouco unha homenaxe á xente do norte, á xente da miña terra, ás cousas que realmente me marcaron da miña terra e das miñas vivencias porque unha non é o que é se non é polo seu pasado e pola forma de percibir a vida que lle transmiten os demais tamén.
Logo do gran éxito acadado co anterior disco, que expectativas ten con este novo traballo?
Despois de “Lúas de outubro e agosto” a xente sempre espera que polo menos deas o mesmo nivel. Eu creo que este é un disco un pouco máis sofisticado co anterior pero que segue a mesma liña. O que pasa é que o formato no que sae é vinilo con cedé incluído, e leva unha foto de agasallo. Só hai mil copias no mercado. E un produto único e exclusivo, pero non por iso elitista, porque sae a un precio de 20 euros.
Por que esta aposta polo vinilo?
Quixemos poñer en valor a parte gráfica e a parte máis nostálxica que era o vinilo. Esteticamente é un vinilo moi bonito, branco, e estamos moi contentos coa parte gráfica, á que quixemos darlle moito peso. E decidimos facer esas mil copias, sendo conscientes que son moitas copias de vinilo, para fidelizar os nosos fans, a xente que cre no noso produto.