A parroquia naronesa de Doso dedicará a xornada do sábado á recreación da tradicional Esfolla do Maínzo. Baixo a organización da Asociación de Veciños “A Naveira”, e coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Cultura, a celebración ofrecerá, un ano máis, un variado programa de actividades, cuxo inicio está previsto para as cinco da tarde
A esa hora partirán do lugar da Baña dous carros cargados de maínzo en dirección á pista polideportiva da parroquia, onde terán lugar as diferentes propostas –o traxecto estará amenizado con actuacións musicais–.
exposición
Unha vez neste escenario, o público asistente poderá contribuír no proceso para lle arrincar as follas ás mazarocas, mais tamén terán a oportunidade de contemplar a exposición de bonecos de maínzo na que participaron uns 650 escolares de quinto e sexto curso de Primaria dos centros educativos da localidade. Neles desenvolvéronse entre a pasada semana e a actual unhas sesións que tiveron por obxecto achegar a tradicional tarefa agrícola aos rapaces.
O mesmo sábado terán lugar tamén, no marco da festa, un obradoiro que ensinará a todos os interesados a elaborar bonecos de mainzo.
Así mesmo, entre as catro e as seis da tarde poderán ser entregadas as sobremesas que desexen presentarse ao certame convocado pola organización e que deben estar preparadas a base de produtos de temporada –castañas, maínzo, cabazas, etc.–. Todas serán valoradas por un xurado antes de proceder ao seu reparto entre os presentes para a súa degustación.
Os máis pequenos poderán tamén cociñar as súas propias bolas da sartén nun obradoiro dirixido específicamente a eles. A esfolla estará amenizada durante toda a tarde da man da banda de música tradicional galega Radio Cos, integrada por recoñecidos pandereteiros.
agradecemento
A Concelleira de Cultura de Narón, Marián Ferreiro, que comprometeu o apoio do Concello a esta iniciativa, salientou o traballo realizado pola entidade veciñal impulsora dunha actividade que “ano tras ano mantén viva unha tradición da época, como é a esfolla, na que se implican persoas de distintas xeracións non só da localidade, senón tamén da comarca, o que é todo un orgullo para os organizadores, os que queremos agradecer desde o Concello a súa dedicación e traballo para que un ano máis poidamos celebrar este evento”.