Violencia obstétrica ou como pode cambiar a vida dunha muller en poucas horas

Violencia obstétrica ou como pode cambiar a vida dunha muller en poucas horas
el ideal gallego-2019-03-07-036-54218794

O que lle levou a contalo foi o desamparo. A cicatriz física está, segue estando, pero non collería o lápiz para escribilo senón fora pola hostilidade recibida na sala de partos dun frío hospital. O teatro Rosalía ofrece ás 20.30 horas, “Anatomía dunha serea”, onde Iria Pinheiro é autora e intérprete e entre ela e María Lado fan do drama, poesía, e tamén humor porque cando todo pasa, conta Iria, reverte en parodia. 


Conta a protagonista que desde que Grupo Chévere a estreou, en outubro de 2018, a peza cambia e entre o público están mulleres, pero tamén homes, sufridores igualmente da violencia obstétrica que pasaron as súas parellas. Pasa que o que se vai poder escoitar hoxe en alto non é habitual, pese ao número de casos que o padecen en silencio. 


Iria quixo rachar cos tabús porque “era necesario para min e para a que o recibe no teatro”. Atópase agochado no íntimo das mulleres e na peza o que fai é falar como “quen lle fala a unha amiga, mira aos ollos dos espectadores, que poden ou non ter unha experiencia parecida, pero empatizan”. 

“Anatomía dunha serea” está contada desde a honestidade da actriz: “Nós explicamos dúas cousas claves. Defendemos a liberdade das mulleres de escoller e de que teñan poder de decisión, que cada unha elixa o que crea e despois revisitamos os protocolos médicos” que, segundo Iria, son antigos e escasos en materiais. “Cuestionámolos para promover a autocrítica e unha renovación dos sistema sanitario”. De todo o calvario que tivo que pasar, conta que o peor non doeu fisicamente. 

Foi a deshumanización porque “de súpeto caes nunha espiral de desinformación, non se ten en conta á paciente basándose no perigo, non se lle consulta por se responde con histeria, infantilizándoa ata o límite”. 

Tres anos despois do nacemento do seu fillo, continúa con molestias diarias. Cando entrou con rotura de bolsa amniótica pola porta do hospital, non sabía que nas seguintes horas mudaría a súa vida para sempre. 

Estafada
Varios días daquelo saiu mutilada do edificio, coa sensación de ter sido estafada e sen o seu fillo. Foi abandonada polo sistema e tivo que xestionar a súa dor e recuperación en soidade: “Inducíronme ao parto con instrumentación e fixéronme un corte que ignoraron, pero que me inmobilizou a perna, cousas que despois contrastas e dis, pero que bestias foron”. Hoxe, coa obra, contará a experiencia barnizada de risas e sendo serea, “aparezco camiñando, pero hai elementos como as escamas, a auga e o sol para relatar como me convertín en peixe”. 


Por sorte, di, non lle quedaron secuelas psicolóxicas no sentido de apego ao cativo. As físicas seguen, están aí, e busca a forma de curar pola sanidade privada. A pública non responde.

Violencia obstétrica ou como pode cambiar a vida dunha muller en poucas horas

Te puede interesar