O BNG fixo onte un chamamento á cidadanía de Ferrolterra a participar na manifestación que a plataforma Queremos Galego ten convocada para este domingo en Santiago –partirá ás doce da mañá da Alameda– en defensa da lingua galega. Mercedes Tobío, portavoz do Consello Comarcal, e Secundino García, membro da executiva e alcalde de San Sadurniño, salientaron a necesidade de saír á rúa “en defensa do noso idioma e da nosa identidade”.
Ámbolos dous fixeron fincapé na defensa da lingua como un dereito “irrenunciábel” e denunciaron o “desleixo e belixerancia do goberno galego co deber de promoción do idioma propio recollido na Lei de Normalización Lingüística”. Tobío e García incidiron tamén no feito de que a Xunta aposte polo enfrontamento directo coas decisións adoptadas polo Tribunal Superior de Xustiza a respecto do denominado “decreto de plurilingüismo” e que, segundo apuntaron, demostran a ilegalidade do mesmo en parte dos seus artigos. Baixo o lema “Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola”, a convocatoria do domingo esixe, entre outras cuestións, a derrogación dun decreto que exclúe ao galego “do ensino infantil”.