Neda dedicará as Xornadas Literarias á escritora Marguerite Yourcenar

Neda dedicará as Xornadas Literarias á escritora Marguerite Yourcenar
Un momento da sesión de contacontos celebrada onte pola tarde na Casa da Cultura | daniel alexandre

Abril, o mes do libro, deixará no Concello de Neda numerosas actividades culturais. A primeira delas tivo lugar onte, coincidindo co Día do Libro Infantil e Xuvenil, coa celebración dunha sesión de contacontos a cargo de Marisa Irimia na que achegou ao público os seus “contos argalleiros”. Así mesmo, e como é habitual nos últimos anos, o Concello volve colaborar coa Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (Oepli) e coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) difundindo entre as nenas e nenos a mensaxe da escritora Inese Zadere e o cartel do ilustrador Reinis Peterson.

A programación continuará o día 13 cunha proposta poética-musical, a protagonizada por Maquinarias Teatro e Roger de Flor na Casa das Palmeiras a partir das 20.30 horas. Poemas e letras de cancións do Nobel Bob Dylan, traducidas á lingua galega, son o elemento central da proposta “Ela e Dylan, as flores solitarias” na que a actriz Helga Méndez interpretará os textos acompañada do músico fenés Roger de Flor, que tamén achegará cancións do músico e poeta estadounidense.

Na segunda quincena do mes será a quenda para as dúas principais citas organizadas polo Concello con motivo do mes dedicado ao libro.

A primeira delas coincidirá co propio Día do Libro, o 23, e consistirá no reparto gratuíto de 200 exemplares entre a veciñanza, que terá lugar a partir das 17.00 horas no exterior da Biblioteca Municipal. Trátase da “solta de libros” que Neda desenvolve a través da campaña da área de Cultura da Deputación da Coruña “Libros para sermos libres”.

Literatura
Dous días despois, o mércores 25, abrirase o telón dunha nova edición das Xornadas Literarias de Neda, organizadas un ano máis polo Concello coa colaboración da Universidade da Coruña.
Tal e como se informou desde o municipio, o programa centrarase desta volta na obra da escritora, tradutora e autora teatral de orixe belga Marguerite Yourcenar.

A inauguración do encontro terá lugar ás 18.00 horas na Facultade de Humanidades do campus de Esteiro, nun acto que contará coas intervencións do alcalde, Ángel Alvariño Saavedra; da concelleira de Cultura, Cristina Bouza Bellón; a decana de Humanidades, Manuela Santalla; e do profesor Fra Molinero.
O encontro literario continuará nas xornadas do xoves e o venres na Casa das Palmeiras de Neda, a partir das sete da tarde.

O día 26 intervirán María Ángeles Fernández Martín, editora da Fundación Germán Sánchez Ruipérez; Ángeles Gracián, tradutora; e o profesor, escritor e xornalista Eduardo Fra Molinero.
O 27, derradeiro día das Xornadas, será a quenda para a participación do club de lectura “Pantasmas de papel” do IES Fernando Esquío de Neda, así como do catedrático da USC Manuel García Martínez e da escritora e activista feminista María José Queizán

Neda dedicará as Xornadas Literarias á escritora Marguerite Yourcenar

Te puede interesar