A cultura popular galega mira hoxe cara a San Sadurniño

os melidaos pecharán o programa de concertos
|

A asociación cultural Berros do Castro, coa colaboración de distintas entidades públicas e privadas, organiza hoxe a súa V Xornada de Cultura Popular Galega, na Casa da Cultura de San Sadurniño. Será un día centrado na música desde pola mañá á noite, cun obradoiro de canto e percusión, unha exposición de fotografía antiga con esta temática e os concertos abertos ó público, que comezarán ás oito da tarde.
A mostra fotográfica, co título “Ribadeume e Bermui: dúas parroquias vencelladas á música popular a través dunha banda”, céntrase na vida dunha formación que naceu en 1909, da man do cura Juan Vázquez e que chegou, xa co nome de Banda Municipal de Capela, ata o ano 1943. Son imaxes que proceden da exposición que organizou en 2009 a asociación veciñal Painceiras con motivo do seu centenario.
O obradoiro de música, que ten tódalas prazas esgotadas, centrarase no canto e na percusión galegas da man de Xabier Díaz, músico, compositor, mestre e investigador do folclore galego que na actualidade é membro de Nova Galega de Danza e de Berrogüetto, ademais de dirixir e copresentar o espazo radiofónico “Tres peixes voando”, na Radio Galega.
O terceiro piar desta actividade son os concertos, abertos ó público, e que serán tamén na Casa da Cultura. A partir das oito da tarde actuará o propio Xabier Díaz, nun concerto no que fará unha escolma dos recursos aprendidos ós alumnos no obradoiro. Continuarán as pandereteiras Algarabía, da AVV de Lago, en Valdoviño, como exemplo de novos grupos tradicionais que xorden en Ferrolterra. Como peche do concerto subirán ó escenario Os Melidaos, formación nacida en Melide en 2001 e que presenta o seu segundo disco, “Axudádeme a cantar”, onde incorporan as voces dos seus membros. O primeiro publicárono no ano 2009 e titulábase “Que ben baila, que ben baila”, cun repertorio extraído do cancioneiro popular, arquivos e tamén de temas recollidos por eles ou da súa propia autoría.

A cultura popular galega mira hoxe cara a San Sadurniño