O Concello naronés fixo balance onte do programa “Camiños Escolares Seguros”, no que tomaron parte no presente curso escolar un total de 859 alumnos dos colexios de Piñeiros, Ponte de Xuvia, Jorge Juan e A Solaina. Trátase dunha iniciativa impulsada a través do Concello, e dirixida polo persoal do equipo de Educación Viaria.
Os menores recibiron unha “Pegada” –a modo de punto– por cada día que acudiron ao colexio a pé, en bicicleta ou patinete e realizaron o control nos equipos habilitados á entrada deses centros. A alcaldesa en funcións da cidade, Marián Ferreiro, destacou “o éxito desta iniciativa, que paulatinamente estamos incorporando nos colexios da zona urbana e coa que apostamos dende hai tres anos por fomentar o exercicio físico entre o alumnado e tamén que os nenos e nenas, dende pequeniños, se familiaricen coa normativa sobre educación viaria”, apuntou.
O CEIP Piñeiros foi o primeiro, no curso 2016/2017, en implantar este programa, no que neste último curso participaron 177 alumnas e alumnos. No exercicio 2017/2018 comezou a funcionar nos CEIP Ponte de Xuvia, con 191 menores e no CPR Jorge Juan, con 81, e este curso púxose en marcha no CEIP da Solaina, donde participan 410 menores. Estas cifras, en conxunto, representan unha adhesión a esta proposta de algo máis do 90% do alumnado dos citados centros educativos, tal e como poñen de manifesto desde o Concello naronés.
Dende a administración local recordouse ás familias con fillos que participan nos “Camiños Escolares Seguros”, que dispoñen de prazo ata o vindeiro 15 de xullo —incluído– para canxear as “Pegadas” que foron sumando ao longo do curso escolar por agasallos. O catálogo pode consultarse na páxina web: http://pegadas.naron.es/ e tamén na APP “Pegadas”, que polo de agora está dispoñible só para sistemas Android.
O equipo de Educación Viaria constatou que, a piques de rematar o período lectivo, ningún dos nenos e nenas alcanza o tope esixido para os agasallos que requiren de máis “Pegadas” por terse esquecido de facer o control o perder a pulseira. Por esta razón, optouse por baixar o número das que se pedían para acceder a eles, ofrecéndolles desde xeito a oportunidade de conseguir eses agasallos máis desexados. l