“Chanfaina Lab” ou o xeito de unir cine coa posta en valor de San Sadurniño

“Chanfaina Lab” ou o xeito de unir cine coa posta en valor de San Sadurniño
Diario de Ferrol-2015-01-17-013-f39684e9

O pasado mes de setembro vinte creadores audiovisuais pasaban a fin de semana dos días 6 e 7 en San Sadurniño para rodar outras tantas curtametraxes sobre diferentes aspectos do municipio. Esta iniciativa, bautizada como “Chanfaina Lab” –en honor ao modesto embutido tan popular por estas terras– dá a coñecer hoxe o resultado deses traballos. Será ás 18.30 horas na Casa da Cultura de San Sadurniño. Alí creadores, organizadores do Concello e público en xeral comprobarán o resultado desta singular idea.
O coordinador do proxecto, o profesor Manolo González, adianta o seu parecer: “A miña valoración do sucedido con este proxecto é extraordinaria. Os traballos que se verán hoxe teñen cada un o seu estilo e estética propio. Hai diferentes xéneros que van da ficción e a videocreación ao documental, e todos eles captaron algunha das realidades de San Sadurniño. Un mérito aínda maior xa que a inmesa maioría deles nin siquera estivera nunca neste concello”.
González fai unha previsión: “No futuro quen desexe coñecer cómo era San Sadurniño en 2014 terá aquí unha mostra perfecta para a súa investigación”. Antes, a vida que lles espera a estes traballos semella longa: “A partir de hoxe –salienta o profesor– proxectanrase nas asociacións de veciños do concello, hai festivais importantes de Galicia que xa manifestaron o seu interese en levalas. Colgaranse unha a unha cada venres durante dous meses na páxina web “Fálame de San Sadurniño” para que estean definitivamente en internet. Por suposto os traballos son de cada un dos directores e directoras e quen o desexe tamén poderá mover a súa peza por libre”.

os ollos de fóra
En canto a este tipo de iniciativas audiovisuais sobre un espazo xeográfico, González destaca que “en San Sadurniño o Concello foi sensible e sería interesante que noutros lugares se fixeran cousas semellantes. Nós temos que dicir que niguén cobrou, houbo os gastos normais dunha fin de semana para vinte persoas pero a cambio aquí queda para sempre un arquivo documental dun concello. Ademais os ollos de fóra sempre axudan a ter outra visión do noso propio territorio e a súa mirada nos enriquece. Estamos convencidos de que como elemento publicitario isto é impagable. Seguro que algunha xente que vexa estes traballos por aí adiante acabará visitando San Sadurniño”.

estrea  
Na estrea dos audiovisuais do Chanfaina Lab esta tarde haberá unha pequena introdución ao proxecto e despois cada un dos autores presentará as súas creacións, que se proxectarán seguidas para reforzar a idea dun todo unitario aínda que con distintos puntos de vista.
En canto ás temáticas, os traballos recolleron o universo peculiar da Barbeiría Santos, o ánimo de superación dunha muller do rural para non perder o tren da modernidade que representan as TIC, as aproximacións ao que suxire o pasado fidalgo de San Sadurniño ou a experimentación coa luz, as texturas e os ambientes da paisaxe. “Os veciños vanse sorprender da mirada externa sobre un territorio dunha profunda beleza”, asegura Manolo González, para quen San Sadurniño “é un concello poderoso a nivel visual e, sen embargo, moi descoñecido”.
O conxunto, que se aproxima aos 75 minutos de duración, está asinado por creadores como Xacio Baño, Marcos Nine, Alfonso Zarauza, Xurxo Chirro, Otto Roca, Brais Breijo, Belén Montero/Juan Lesta, Víctor Hugo Seoane/Jaiome Camborda, Ángel Santos Touza, Alberte Pagán, Mario Iglesias, Ary López, X. Manuel Sande, Guillermo Arias-Carvajal, Ánxela Caramés/Xisela Franco, Pablo Portero e Fer Patiño. Nomes que nunha grande parte se enmarcan no denominado Novo Cinema Galego.

“Chanfaina Lab” ou o xeito de unir cine coa posta en valor de San Sadurniño

Te puede interesar