A colaboración público-privada impulsa a innovación e o emprego cualificado

A colaboración público-privada impulsa  a innovación e o emprego cualificado
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-4fa13529

Para lograr a captación de capital para a I+D+i galega contribuíndo ao impulso da innovacion en Galicia a comunidade dispón das Unidades Mixtas, un programa promovido desde a Administración autonómica que ademais fomenta a contratación de persoal cualificado e potencia a transferencia de coñecemento ao mercado. 

Nos últimos dous anos, en Galicia puxéronse en marcha preto dunha vintena de iniciativas que suman o esforzo de grandes empresas e centros de coñecemento galegos para impulsar proxectos innovadores de vangarda, impulsar a competitividade do tecido empresarial, e xerar empregos cualificados. A través da nova convocatoria que xa está en marcha, con cinco millóns de euros en apoios públicos, produciranse investimentos por valor de 17 millóns de euros e permitirán a creación de 90 novos postos de traballo especializados.

Con esta edición, a previsión é acadar un total de 25 unidades mixtas. Desta maneira, o programa supón no seu conxunto un investimento público-privado de 87 millóns de euros e a xeración de 360 empregos. A novidade principal é a especial atención que se lle concede a aqueles proxectos en que participen pemes, o que suporá abrir novas vías de negocio para as pequenas e medianas empresas, medrando así o seu tecido industrial. 

Convocatoria

A nova convocatoria está aberta aos centros tecnolóxicos, universidades, fundacións de investigación sanitaria e centros galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que acrediten ter captado o interese de empresas para desenvolver conxuntamente proxectos de innovación, co compromiso de manter a unidade un mínimo de tres anos. 

Esta fórmula de cooperación implicará que cada unidade mixta de I+D+i contará con entidade física propia, persoal da empresa destinado nas súas dependencias e un orzamento mínimo de dous millóns de euros. Ademais, o centro e a empresa participarán de maneira conxunta dos resultados, polo que as unidades activarán a posta en valor dese coñecemento no mercado.

A iniciativa autonómica está aliñada cos retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia –que prioriza o aproveitamento innovador dos recursos naturais e un novo modelo que mellore a competitividade empresarial e a diversificación industrial–. De feito, estas unidades teñen como reto fundamental incrementar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega. Neste senso, a maior parte dos proxectos aprobados desde 2014 correspóndense con sectores estratéxicos como a automoción, o naval ou a alimentación.

Ata o momento, as unidades mixtas que xa foron activadas están a facilitar que os investigadores e tecnólogos galegos de universidades e centros tecnolóxicos poidan colaborar con empresas líderes nos seus sectores.

Así, entre as Unidades Mixtas de Investigación que se están a levar a cabo, destacan, por exemplo, a formada pola Universidade da Coruña e Navantia, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar o sector estaleiro, aumentando a súa produtitivade e reducindo os tempos e custos de fabricación; ou a unidade mixta eHealth, na que participan Everis –que recentemente acaba de ampliar as súas instalacións na Coruña– e o centro tecnolóxico Gradiant, coa colaboración da Fundación Ramón Domínguez, e que ten como obxectivo desenvolver tecnoloxías punteiras que axuden aos oncólogos a escoller os mellores tratamentos, rebaixar os tempos de espera en urxencias ou mellorar a autonomía das persoas maiores.

A colaboración público-privada para impulsar ambiciosos proxectos de innovación con impacto no mercado, e nos que o compoñente da investigación xoga un papel estratéxico, encádrase nun esquema de traballo similar ao do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas, na provincia de Lugo, un proxecto de 115 millóns de euros onde a Xunta conta coa participación das multinacionais Indra e Inaer. Neste sentido, tamén destaca a nova Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía, que serve de foco de atracción de investimentos innovadores.

A colaboración público-privada impulsa a innovación e o emprego cualificado

Te puede interesar