San Sadurniño celebrará o sábado a VI Feira Rural cun variado programa

San Sadurniño celebrará o sábado a VI Feira Rural cun variado programa
Feira Rural en San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño ten xa todo practicamente listo para a celebración, o vindeiro sábado, da sexta edición da Feira Rural, unha cita coa que reivindicar, un ano máis, as posibilidades que presenta o rural e de paso chamar a atención sobre a necesidade de diversificar a economía rural dun xeito sustentable e “aproveitando todos os recursos que ofrece o contorno, sexan naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo”, salientan desde o goberno local.
A actividade, que terá como escenario de celebración a zona da Cortiña, dará comezo ás 10.30 horas, momento a partir do cal poñerán á venda os seus productos os expositores participantes. Haberá postos de mercado local xusto –con artesanía, artigos de segunda man e alimentación– e tamén de apicultura, da man da Asociación AGA de Ferrolterra.

froita
A froita autóctona estará representada pola Asociación AGFA do Eume, mentres que os interesados no tema das cociñas e outros elementos solares terán a oportunidade de comprobar a oferta da Asociación Os Picos do Sol. O can de palleiro terá así mesmo o seu protagonismo a través do stand no que se facilitará información sobre esta raza galega.
Todos estes expositores estarán a disposición dos visitantes durante toda a xornada, que se prolongará ata as 19.30 horas.
Outra das propostas habituais da feira é o concurso da froita autóctona. Así, entre as 10.30 e as 11.00 haberá que inscribir os lotes participantes, fixándose para as 13.30 horas o fallo do certame e a entrega de premios. Sobre as dúas da tarde e de novo ao remate da festa sortearanse sendos cestos con froitas.

viño e cervexa
O programa permitirá ao mesmo tempo gozar de varias catas-degustacións.
A primeira, prevista para as doce do mediodía, estará adicada ao viño e á sidra elaborados no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo a base de uva autóctona “branca lexítima” e mazá do país. Ás cinco da tarde será o turno para a cervexa elaborada no programa Tempos para Compartir, por Elías Sixto e Miguel Soto.
Así pois, intensa xornada a que se prevé para o vindeiro sábado nunha cita á que cada ano acode un gran número de persoas da comarca.

San Sadurniño celebrará o sábado a VI Feira Rural cun variado programa

Te puede interesar