O Xan Viaño será o anfitrión da vindeira reunión do proxecto europeo Leonardo

O Xan Viaño será o anfitrión da vindeira reunión do proxecto europeo Leonardo
concerto benéfico do xan viaño ofrecido durante o encontro celebrado en austria o pasado curso

Son proxectos laboriosos e que precisan dunha grande implicación e esforzo por parte da comunidade educativa, mais tamén supoñen importantes vantaxes para esta: a amplitude de miras tanto dos profesores como dos alumnos, a posibilidade de mellorar a competencia lingüística, a profundización nas novas tecnoloxías ou o achegamento a outros sistemas educativos a través do contacto con escolas de diferentes países.

Son moitos os centros educativos que apostan polos programas internacionais tipo Comenius ou Leonardo para acadar algúns destes obxectivos e beneficiarse dunha experiencia que sempre resulta enriquecedora.

O Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol leva varios anos inmerso en diferentes experiencias deste tipo. Concluído en 2012 o programa Comenius “Ara Europa”, o centro encara no actual o segundo e derradeiro curso do proxecto multilateral de aprendizaxe titulado “European Art Confluence”, enmarcado na convocatoria europea Leonardo da Vinci.

 

socios

Escolas e centros de Portugal, Francia, Luxemburgo, Austria e Alemaña, ademais do conservatorio ferrolán, integran un grupo de traballo cuxa misión final será a elaboración dunha película, un filme no que todos terán algo que achegar e que se baseará, fundamentalmente, no tema da emigración e a integración.

Como se dun auténtico equipo de cinema se tratase, cada un dos centros asume unha tarefa específica, en función da especialidade dos seus estudos. Así, Portugal encargase do guión; Luxemburgo dos actores; Alemaña da rodaxe; Austria da composición de dúas pezas de música que son tocadas na propia película; e o Xan Viaño terá que elaborar a banda sonora da mesma.

Arredor deste obxectivo final, articúlanse unha serie de propostas que se van desenvolvendo en cada un dos encontros que os socios levan a cabo desde o pasado ano e que continuarán no actual.

 

anfitrión

Precisamente o vindeiro mes de febreiro, do día 4 ao 8, o centro de estudos musicais ferrolán será o anfitrión da primeira das reu-nións do traballo deste ano. Ata a cidade naval chegarán 18 profesores e 27 alumnos dos mencionados países estranxeiros que, xunto cos ferroláns –9 estudantes e 6 docentes–, continuarán avanzando no devandito programa.

Así, ademais das habituais sesións nas que se pon en común todo o traballo realizado ata o momento polos diferentes grupos e se fixa o calendario a seguir ata a próxima cita conxunta, terán lugar diferentes actividades tanto académicas como de ocio.

No primeiro dos casos, tal e como explicou a coordinadora de Proxectos Internacionais do Xan Viaño, Ermitas García Ríos, desenvolverase un curso de composición de bandas sonoras para o audiovisual a cargo dunha antiga alumna do centro, Sofía Infante, que na actualidade está a cursar a especialidade de Composición Audiovisual no Conservatorio Superior de Oviedo.

 

programa

Ademais deste obradoiro, no encontro do vindeiro mes de febreiro terán lugar outras actividades que permitirán á delegación estranxeira achegarse ao sistema dos estudos musicais en Galicia. Entre elas salienta o obradoiro que impartirá o grupo Pesdelán para aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito divertido e participativo.

Xunto co concerto de benvida que o Xan Viaño ofrecerá o primeiro día aos seus compañeiros, noutra das xornadas terá lugar unha actuación benéfica na que se mesturarán artes como a música, o teatro ou o audiovisual, coa participación dos diferentes países –esta é unha actividade que ten lugar en cada un dos encontros que se celebran entre os socios do proxecto–.

Entre tanto traballo, tamén haberá espazo para o lecer. Así, realizaranse diferentes saídas pola cidade e comarca para que os visitantes poidan gozar dos lugares máis emblemáticos da zona de Ferrolterra.

A responsable dos proxectos internacionais do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño salienta o enriquecedor que para alumnos e profesores é a participación nestes programas europeos. “Permite ver como se traballa en centros educativos doutros países, profundizar no manexo das novas tecnoloxías e potenciar a comunicación lingüística a través do contacto con outros compañeiros. No traballo de músico é moi difícil estar sempre no mesmo sitio, hai moita mobilidade, un aspecto que precisamente promoven estes programas europeos. Ademais, para o profesorado, aínda que dan moito traballo, tamén é moi motivador”, comentou Ermitas García.

 

O Xan Viaño será o anfitrión da vindeira reunión do proxecto europeo Leonardo

Te puede interesar