San Sadurniño, dous días como centro da creación audiovisual de Galicia

San Sadurniño, dous días como centro da creación audiovisual de Galicia
Diario de Ferrol-2014-09-07-009-4b8c59f7

“O proxecto naceu dunha proposta ao Concello de San Sadurniño que foi sensible tanto ao feito de que practicamente é un municipio que apenas apareceu en traballos audiovisuais e que, por outra banda, este é un proxecto practicamente novo en Galicia”. Quen así fala é o profesor Manolo González, coordinador do Chanfaina Lab, unha iniciativa de recreación cinematográfica a cargo dunha vintena de novos creadores galegos, na maioría fóra do circuíto comercial e non sempre porque así o queiran eles.
Onte durante case todo o día e hoxe, estes creadores retratarán a realidade de San Sadurniño en traballos audiovisuais de entre tres e cinco minutos: Os monumentos locais, a paisaxe, a valoración do papel da marquesa local, o grupo e asociación cultural Berros do Castro son algúns dos temas que ficarán plasmados nestes e outros traballos que xa se comezaron a rodar onte e continuarán hoxe. No medio, unha xornada de confraternización dos artistas e unha mostra audiovisual de moitos deles que amosaron onte os seus traballos na sala Dzine da localidade.

metáfora gastronómica
Fala o profesor Manolo González da do propio nome desta iniciativa. “San Sadurniño é un dos poucos lugares de Galicia onde se fai a chanfaina, que como se sabe é un producto gastronómico en principio modesto, xa que a parte máis rica do porco era para os nobles, así que os pobres tiveron que buscarse a vida. Facendo unha metáfora co audiovisual, aquí temos a un grupo de realizadores novos, fóra do circuíto máis comercial e con traballos moi bos as súas costas”.
González destaca que aínda que todos os seleccionados non puideron estar (Óliver Laxe ou Lois Patiño estaban rodando fóra) “os que viñeron son dos máis talentoso do país”.
Do resultado de onte e hoxe (tamén poderán vir nas próximas semanas a facer algún plano ou algo que lles falte) farase un pase en inverno na Casa da Cultura de San Sadurniño. Do futuro do Chanfaina Lab, González non vai máis alá “hai que ver se a xente queda contenta co resultado dos traballos, ademais de que para o ano hai eleccións”. n

San Sadurniño, dous días como centro da creación audiovisual de Galicia

Te puede interesar