O mundo da política e da cultura arroupan o Día dos Medios en Galego

Representantes políticos, culturais, académicos e dos medios apoiaron á celebración deste primeiro acto conmemorativo
|

A Gala dos Medios en Galego reuniu onte no local da Liga de Amigos de Barallobre, en Fene, a representantes políticos e do mundo cultural e social da man asociación Amega (Asociación de Medios en Galego), impulsora da celebración. A gala é a antesala da celebración do Día dos Medios en Galego, para o que se elixiu o 7 de febreiro por coincidir co aniversario do nacemento da publicación periódica “O tío Marcos da Portela”, xurdida en Ourense en 1876. Nesa data está prevista unha declaración institucional no Parlamento Galego apoiada por todos os grupos políticos.
Durante o acto, o presidente de Amega e anfitrión da gala, Henrique Sanfiz, quixo destacar a significación do Día dos Medios en Galego como unha data para pedir apoio das institucións e a cidadanía para os medios de comunicación que empregan a nosa lingua; e tamén para lembrar “heroicidades” como a de “O tío Marcos da Portela”, que conseguiu chegar a vender 4.000 exemplares cando máis do 60% da poboación galega era analfabeta.
“Hoxe poñemos unha primeira pedra moi importante e contribuiremos a que nada vaia ser igual de aquí en diante para os medios en galego”, señaló Sanfiz.
Neste mesmo aspecto incidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que asegurou que coa institución do Día dos Medios en Galego estase “facendo historia” e adiantou que seguramente no 2019 haberá máis que os 32 medios que agora son socios de Amega. O representante da Xunta expresou o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística ás empresas xornalísticas que utilizan o galego ao tempo que pediu a estes medios que se atendan todas as ideoloxías e se poida “chegar a toda cidadanía no noso idioma”.
Na gala interviron representantes de todos os grupos parlamentarios. A do BNG, Ana Pontón, foi crítica coa Xunta e dixo que o goberno nega o seu apoio aos medios en galego, “porque non cre no seu país nin na súa lingua”, pero engadiu que o pobo “quere un espazo comunicativo forte e en galego”.
Xaquín Fernández Leiceaga (PSOE) insistiu en que se necesitan máis medios “de referencia” en galego e apostou por un cambio nas políticas de comunicación e de promoción do galego, tamén para aumentar o número de lectores no noso idioma.
Pola súa banda Antón Sánchez, de En Marea, lembrou que “xa hai un espazo de comunicación plural e libre na nosa lingua, queremos máis pero xa o hai” e referiuse ao “desigual combate polas audiencias” que libran estes medios. Pediulles a estes, ademais, “a mesma crítica e rebeldía do Tío Marcos da Portela”. Por último, o representante do PP, César Fernández Gil, aludiu ao papel dos medios de comunicación na construcción do individuo colectivo e destacou a importancia do idioma galego nesta tarefa, para engadir que “a lingua non debe estar ao servizo da consecución dun fin, a lingua é un fin en si mesma”.
Ademais dos responsables políticos houbo outras intervencións, como a do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, que destacou o valor que supón contar cun importante capital humano para crear novos medios en galego. Xoán Costa, responsable de Sermos Galiza, anunciou a aparición dun novo xornal en galego para 2019, mentres que o representante da Mesa pola Normalización Lingüística, Manuel Rei, fixo notar que o uso do galego é moi minoritario nos medios de maior difusión e que está máis presente nos de nivel local o que demostra, apunto, “que hai un compromiso desde abaixo que non ten apoio desde arriba”.
Para pechar o acto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, lembrou a historia de Radio Fene, creada como elemento para contribuír á creación de identidade a través da lingua e destacou que os medios de comunicación en galego “son fundamentais para nos consolidar como nación de seu que reivindica o lugar no mundo que por dereito nos corresponde”.

O mundo da política e da cultura arroupan o Día dos Medios en Galego