A Sociedade Filarmónica avanza unha tempada con gran presenza de sinfónicas

Orquesta Sinfonica de Galicia en el Jofre
|

Poucos días despois de dar por rematada a temporada de concertos, a Sociedade Filarmónica Ferrolá avanza xa os contidos das actuacións que terá desde o outono deste 2014 ata o finais de maio de 2015. Con tódalas modificacións ás que pode estar suxeita unha axenda pechada con esta antelación, o que queda de manifesto no programa da SFF é que de novo contan coa colaboración das dúas grandes orquestras galegas, a Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía, para fornecer de música clásica ós cidadáns. Ademais, como novidade, dous destes concertos realizaranse no Auditorio (Caranza) e non no teatro Jofre, sede habitual da Sociedade. Neste caso, e como xa aconteceu co recital de Ainhoa Arteta, habilitaranse buses gratuítos que sairán da praza de Galicia e que farán tamén a viaxe de volta.
A Orquestra Sinfónica de Galicia fará o concerto de apertura da temporada o 21 de outubro e volverá tocar o 4 de decembro, o 26 de marzo, o 30 de abril e o 21 de maio, coa Orquestra Xoven. Estes dous últimos serán no Auditorio. Nestas actuacións pasarán pola batuta de directores como Rumon Gamba, Michal Nesterowicz, Michail Jurowski ou Dima Slobodeniouk. Os programas inclúen composicións de Torres, Bruch, Mendelssohn, Chausson, Ravel, Pagés i Corella, Elgar, Parra, Prokofiev, Schubert, Stravinski, Abrahamsen, Monteverdi e Respighi.
A Real Filarmonía de Galicia comezará o seu ciclo de concertos na cidade o 19 de novembro e regresará o 28 de xaneiro e o 10 de abril. No seu caso estará dirixida por James Dahlgren, Paul Daniel e Sergio Alapont e interpretarán obras de Haydn, Schumann, Bautista, Hindemith e Mendelssohn.
Tamén está fixada unha gala lírica para o 11 de febreiro coa soprano Beatriz Díaz, a mezzosoprano Belén Elvira e con Álvarez Parejo ó piano e un concerto do Cuarteto del Pino para o 26 de febreiro.
O avance da programación, que se pode consultar na páxina web da SFF, inclúe ademais o recital do gañador do Premio de Piano Cidade de Ferrol e o Concerto da Liberdade que coincide coa entrega do Premio José Couso. Tamén está por concretar unha nova data dunha orquestra de cámara.
A colaboración da asociación ferrolá coas orquestras sinfónicas galegas supón un impulso para a súa actividade, pois achegan máis público ó Jofre e contribúen a crear novos espectadores. Neste senso, xa este ano a SFF incentivou a asistencia de escolares ás súas funcións, cun resultado que desde a entidade ferrolá ven como moi positivo.

A Sociedade Filarmónica avanza unha tempada con gran presenza de sinfónicas