Electorais (XLVI)

Electorais (XLVI)
Chamamento aparecido n’A Nosa Terra en xaneiro de 1920

Falaba na entrega anterior de que Johan Viqueira Cortón publicara -curiosamente no número da A Nosa Terra (15 de decembro de 1919) no que se recollían as conclusións da II Asemblea celebrada en Compostela- o artigo que titulaba “O meu programa político” e que dividía en cinco apartados: I Hespaña, II Libertade, III Democracia, IV Prosperidade e V Resume. Para el, España non era un baleiro abstracto, senón unha suma de concretos, polo que entendía que a única maneira de traballar por ela era facéndoo “po-los concretos que a forman e dos que ela é (como din os matemáticos) función”. A liberdade era fundamental, érao todo: “Denantes de todo Libertade”, se ben, apuntaba, “Libertade non é anarquía”. Democracia era para el “o goberno por libertade ou esigido po-la libertade” e, consecuentemente, pedía “Loitemos por unha democracia galega”. Ao tempo, entendía que “a probeza escraviza” e por iso arelaba “unha democracia social que despois de abranguer a igualdade jurídica conquira a igualdade social”.


Así mesmo, pensaba que a libertade xurdía “Só nas terras ricas, farturentas”, porque “somente alí os espritos poden, libres do queimor da fame e miseria, ousar os novos camiños do porvir, só alí esisten os meios p’ra os homes chegaren ás democráticas organizaciós”. Por iso animaba a traballar “pola riqueza dos patrios eidos” (industria, agricultura, ferrocarrís, vías de navegación, bancos…), riqueza que era “filla do traballo e do talento e saber” e, por iso, había que cobizar “a mais refinada das educaciós”. Como resumo concluía: “Galiza ten un fin moral que cumprir: traguer á grand’obra cultural da humanidade a sua individual, engebre, civilización. E coma d’unha nota mais p’ra sua plenitude, a humanidade precisa d’ela!”. Eran propostas, ademais das aprobadas como conclusións na Asemblea, para presentar e defender en calquera das contendas electorais nas que os nacionalistas participasen. As primeiras delas as muncipais.

A Gaceta de Madrid –o que hoxe coñecemos como Boletín Oficial del Estado-, no seu número de 24 de agosto de 1919, insertaba un Real Decreto que no seu artículo 1.º dicía: “Las elecciones municipales, que conforme al artículo 44 de la ley de 2 de Octubre de 1877, habrían de celebrarse en la primera quincena del próximo mes de Noviembre, tendrán lugar en la primera quincena del mes de Febrero del próximo año de 1920”. Asinábano en Santander Alfonso –o rei, naturalmente- e El Ministro de la Gobernación Manuel de Burgos y Mazo.

O artigo 45 desta lei de 2 de Octubre de 1877 dicía: “Los Ayuntamientos se renovarán por mitad de dos en dos años, saliendo en cada renovación los Concejales más antiguos”. Na Coruña, municipio con 36 concelleiros, segundo o número de habitantes, correspondíalle elixir dezanove.

Cando se fixo oficial e pública esta convocatoria a Irmandade da Coruña -tal como lle manifestara Peña Novo na carta, de 6 de agosto, que lle dirixira a Losada Diéguez e da que xa se falou- xa decidira tomar parte nela. Dicíao tamén ben claro a propaganda, asinada pola “Seición Política”, que, en setembro, comezou a aparecer nas páxinas d’A Nosa Terra e da que, así mesmo, se falou: “As “Irmandades da Fala” coidan preciso a sua intervención na vida municipal dos povos pra conquerimento do seu ideal. A ‘Irmandade’ da Cruña, comezou xa os traballos preparativos para a próxima loita electoral, e fai saber a todol-os irmáns e simpatizantes da nosa Santa causa, maiores de 25 anos, a obriga de axudar na medida das suas forzas. Horas de oficina de 9 a 11 da noite”.

Pasada a Asemblea e xa iniciado o ano electoral, podíase ler nas páxinas d’A Nosa Terra, de 15 de xaneiro de 1920, o artigo “Os nazonalistas da Cruña e as eleiciós municipaes”, no que os irmandiños coruñeses explicaban polo miúdo as razóns que lles aconsellaban a presenza no proceso electoral municipal:

“A ‘Irmandade da Fala’ da Cruña acordou ire as próximas eleiciós municipáes. Acordouno en principio, sendo acollida a ideia con fondo entusiasmo.

Hai algús nazonalistas que coidan que pol-o d’agora temos que fuxire da política, xa que sendo unha forza pura poderíamos cair en perigros d’impureza.

Mais sendo a Cruña, hastra oxe, d’un xeito espritoal a verdadeira capitalidade da nazón galega, maxinamos que importa moito, pr’os fis proselitistas, termos unha representación oficial no Concello herculino.

Inda que somente fose por atopar tribuas dend’as que atopen esparexemento as nosas ideas, convén conquerir, pr’os nosos, cárregosde concelláes. Pol-o d’oxe ben sabedes que non contamos con ningún xornal orgo do nazonalismo. Todos negan espazo pr’as nosas cousas nas suas páxinas. Se nós quixéramos falar dos problemas municipáes axeitándoos â nosa ideoloxía, todol-os xornaes faceríannos o valeiro.

Pro tendo representantes no Concello xa é difrente. O que os nazonalistas falen nas sesión, as iniciativas que propoñan, tomarán d’aquela xeito púbrico. Y-así as xentes irán simpatizando co’a nosa santa causa.

Ademais, n’estes momentos nos que se trata de levar ô Municipio representaciós d’entidades prestixosas, impórtalle moito â ‘Irmandade’ facer valer a outa i-enxebre personalidá.

Elo ha servir tamén, para probarnos coma nós somos exempro de democracia ben entendida. Pois o que represente ô nazonalismo cruñés no Concello terá tras de sí tod’a forza da ‘Irmandade’.

Cando él fale no salón de sesiós a Cruña enteira saberá que pol-a sua boca falan todol-os irmaos da cidade e de Galicia enteira.
Dende logo é noxenta a política, pro moitas veces, e agora coma nunca, fáise preciso intervir n’ela. Con cantas reservas queirades, necesítase isa intervención.

Xa o sabedes, pois, irmaos: imos a loita… ¿Qué cada un cumpla c’o seu debere!”.

Hai un detalle que, se cadra, conviña recordar, xa que penso que é reflexo da evolución das Irmandades. No seu día, falei de que A Nosa Terra, de 20 de novembro de 1917, daba conta da celebración das eleccións municipais anteriores e insertaba dous soltos ao respecto. No titulado “Despois da loita eleitoral / Unhas considerazóns e unha chamada”, o seu autor facía patente a súa satisfacción porque o avogado e poeta Iglesias Roura, que fora o primeiro tesoureiro da Irmandade e tamén director do boletín, que era, ademais, “home novo de moita cultura e de reconocido bô senso”, conseguira saír concelleiro. No segundo, “Un trunfo das ‘Irmandades’”, a publicación que a Irmandade coruñesa fixera canto puidera para axudar na elección, seguindo a “lóxica táitica galeguista”. Pois ben, José Iglesias Roura, nesa altura de xaneiro de 1920 non só formaba parte da corporación coruñesa senón que era un dos 14 concelleiros republicanos que ían continuar formando parte dela. Que acontecera?.

Electorais (XLVI)

Te puede interesar