Unha maior presenza da Irmandade da Fala da Coruña (LXXXIII)

Unha maior presenza da Irmandade da Fala da Coruña (LXXXIII)
Liste Mourenza, elixido cargo da ING en 1923

Finalizaba a entrega anterior dando contra de que tanto o o diario vigués Galicia como o ourensano La Zarpa, prestaran a debida atención á celebración da V Asemblea nacionalista celebrada na Coruña os días 18 e 19 de marzo de 1923. E tanto era así se temos en conta que Rexurdimento, o voceiro da I.N.G., no “Resume da V Asambreia”, publicado na cuarta entrega do ano, pouca máis información daba da que puntualmente aparecera neses xornais.
A revista oficial daba conta de que se aprobaran cousas “d’orde interno que costan na auta, entr’elas que as próisimas Asambreias non poidan facérense sin convocalas c’un mes d’anticipación e que autúe c’o cárrego de irmán viaxante Liste Mourenza”.
Finalizaba a información da asemblea con estas palabras: “E ó berro de ¡Viva Galiza ceibe! decraróuse choída a Asambreia”.
O irmán viaxante Liste Mourenza estivera emigrado na Habana, onde, o 20 de xuño de 1920, tomara parte no acto fundacional da Xuntanza Nazoalista Galega.
Esa mesma “Sección oficial” na que se informaba do acontecido na V Asemblea, Rexurdiment facía saber a afiliados e achegados que o Conselleiro Supremo nomeara Conselleiros de “Pubricidade e Espallamento” aos irmáns A. Villar Ponte e Xaime Quintanilla, respectivamente.
Daba conta tamén da reorganización das delegacións e máis concretamente da de Vigo, que, “con grande entusiasmo”, elixira un consello formado por Valentín Paz Andrade. como Conselleiro, Xavier Pardo, como Segredario, e Manoel Vázquez Fernández, como Tesoureiro. Apuntaba, ademais, que a de Santiago tamén ficara “reorgaizada convenientemente” e que se estaban reorganizando outras.
Informaba, ademais, de que a Delegación da I.N.G. na Cruña ficara designada para compoñer o “Comité d’organización”, xa que logo era ao seu secretario Xosé Calviño ou ao “Conselleiro de Pubricidade” A. Vilar Ponte a quen habían de dirixirse todos os que desexasen algo relacionado coa organización”.
O tema da participación política preocupaba moi seriamente a Risco nesa altura. Proba evidente é que a “Seición oficial” da segunda entrega do voceiro oficial Rexurdimento, aparecida mesmo antes da celebración da Asemblea, insertaba unha circular da I.N.G. Xefatura Suprema, asinada por Vicente Risco, o Conselleiro Supremo, que comezaba:
“Prevendo as continxencias d’unha loita eleitoral que s’aveciña, esta xefatura lembra a todol-os irmans afiliados que a I.N.G. é nemiga de todol-os partidos polítecos hespañoes, cuia autuación en Galiza e cuias doutriñas corrutoras da opinión galega, reproba e condena.
Lembra pol-o tanto, esta xefatura a todol-os irmans afiliados e a todal-as Delegaciós e Subdelegaciós da I.N.G. nas distintas vilas d’adentro e d’afora do terreo da Naçon Galega, os acordos da Asambreia Nazonalista de Monforte que veñen ao caso, especialmente:”
A seguir dos dous puntos lembraba os artigos nos que se recollía o de non poder pertencer a partidos ou agrupacións políticas; non tomar parte en eleccións nin axudar a candidatos ou candidaturas; votar exclusivamente a un nacionalista ou non poder manter relacións con elementos políticos de ningunha clase. Recollía tamén as advertencias de que quen o fixese sería expulsado e de que os irmáns estaban obrigados a denunciar na xefatura os feitos desas características dos que tivesen coñecemento.
E por se iso non fose suficiente, nese mesmo número, o propio Risco asinaba o artigo
“Galiza e os partidos polítecos hespañoes”, que comezaba:
“Cando s’anuncia que vai haber eleiciós, toda a podre fedenta da políteca hespañola principia a se remexere. E coma Galiza polo seu mal, vive asolagada hastr’os fuciños n-esa lameira entrollada; e com’o pobo galego patexa intilmente n-ela, buscando ás tentaruxas onde s’agarrar pra sair d’ela sexa coma sexa, d’eiquí que Galiza resulte a terra de promisión de todol-os arribistas politecos de Madrid”.
Logo fala do caciquismo e dos caciques que se xuntaban a eses que viñan polos votos, que no fondo eran todos o mesmo, porque os partidos políticos españois “nin poden, nin saben, nin queren, tampouco servir aos intreses do Pobo galego, porqu’iles pertencen aos partidos polítecos e denantes de nada, áchanse sometidos á disciprina do seu partido, á obedencia do seu xefe, á sombra do que medran, e poden chegaren a Direitores xeneraes, ou a Ministros, ou fagueren negocios, ou adiantaren na sua carreira, que é o que querenm, e os intreses da Galiza, ou lles teñen sen coidado ningún, ou anque quixeran atendelos algunha vez, pirmeiro está a disciplina do partido e a obedencia ao xefe e teñen qu’estar ao qu’estes dispoñan”.
Visto o visto, estaba convencido de que:
“Non hai redención, non hai redención, non hai redención pra Galiza en ningún dos partidos polítecos hespañoes, en ningún dos homes que figuran n-iles, nin nos partidos do pader, nin nos partidos d’oposición, nin dos da direita nin nos da esquerda, nin nos monárquicos nin nos anti-dinásticos. Galiza nada pode agardar d’iles.
Non é oposición galega, nin é rebeldía agraria, nin é divinidade cibdadana, a dos galegos qu’andan ao rabo dos politiqueiros da Hespaña. Todos ises polítecos veñen-nos a roubal-os esforzos que precisamos pra nos redimirnos nós a nós mesmos; veñen a usurpal-a nosa vontade; veñen a inutilizal-as nosas ansias de redención e de liberdade. Veñen pol-o seu proveito, non pol-o noso. Son alleos que queren medrar a conta nosa, son estranxeiros, son intrusos.
E o pobo galego, namentras siga indo ao rabo d’iles com’un rebaño de carneiros, non deixará de ser un pobo d’escravos”.
Mentres tanto, a Irmandade da Fala coruñesa seguía na súa liña dos últimos anos e así, cumprindo co regulamento, celebrou a súa xenta xeral para elixir novo consello directivo o día 1º de abril do propio 1923.
A Nosa Terra, de 15 de abril, baixo o epígrafe “Irmandade da Fala da Cruña”, informaba aos seus lectores do acontecido. O primeiro que facía saber era que fora unha das máis importantes de todas as celebradas ata ese momento, tanto pola grande asistencia de irmáns como polo entusiasmo que reinara na reunión.
Por ausencia de Viqueira, presidente da xunta cesante, a asemblea estivera presidida polo vocal primeiro Peña Novo. Iniciada a asemblea, o secretario, Carlos Monasterio, procedeu á lectura da memoria do labor realizado pola anterior xunta, que o xornal reproduce íntegra, da que falarei na próxima entrega.
Hoxe vou rematar dando conta da composición do novo Consello directivo que foi elixido por unanimidade:
Conselleiro Primeiro: Luis Peña Novo
Conselleiro Segundo, Federico Zamora. Secretario, Tomás Rodríguez Sabio. Vicesecretario, Ánxel Casal. Tesoureiro, Francisco Abelaira. Contador, Benito Ferreiro
Bibliotecario, Leandro Carré
Vogais: 1º, Carlos Monasterio; 2º, Benito Rodríguez; 3º, Federico Rodríguez Chás; 4º, Xulio Pita; 5º, Fernando Blanco
Para administrador d’A Nosa Terra foi reelixido Víctor Casas.

Unha maior presenza da Irmandade da Fala da Coruña (LXXXIII)

Te puede interesar