Un traballo sobre o monte Breamo, premio de Investigación de Pontedeume

Diario de Ferrol-2015-09-30-014-1a2feaee_1
|

“O santuario do Breamo. Retrato dunha montaña sagrada” foi o traballo que mereceu por unanimidade o XVIII Premio de Investigación Concello de Pontedeume, de etnografía e antropoloxía, dado a coñecer onte, curiosamente día da romaría de San Miguel de Breamo. 
Un xurado composto polos historiadores Xosé Manuel González, José María Cardesín, José María Yáñez, a concelleira Yolanda Vázquez e actuando como secretario Alexandre Caínzos recoñeceu ao profesor eumés Antón Prego, que fixo un traballo que en síntese “fala da historia dun santuario precristián que foi cristianizado sobre todo a partir da idade media e que ten comoreferente a San Miguel, algo non casual xa que este santo é o loitador contra o demo”, resume. 
Prego é o fundador e presidente da asociación Ardóbriga, de defensa do patrimonio. Esta vinculación está moi presente no traballo. “Si, –salienta– porque foi precisamente recompilando material para as charlas a alumnos do colexio de Miño, onde eu dou clase, ou do IES Breamo cando tratei de obter unha visión amplificada do monte e relacionala co castro da Ínsua ou a vila romana de Centroña, un relato que lles encanta por unir investigación con lendas e folclore”.
Prego destaca a cantidade de riqueza patrimonial ao redor do monte eumés. “Por toda a contorna había moitísimo, boa parte del na zona do campo de golf da urbanización de Fadesa en Miño, hoxe destrozada. Desde aí debería verse o monte cheo de maxestuosidade e misterio, polo que non é raro que fose elixido como un espazo sagrado. O seu topónimo fai referencia a un monte alto, supremo, aínda que o seu tamaño non é moi grande, os hai maiores, pero si que ten unha situación próxima á ría que o fai moi potente para a relixión castrexa e precristiá”.

publicación en cátedra 
O galardón, recoñecido cunha cantidade económica de 1.200 euros, inclúe tamén a publicación do traballo no número 23 da revista Cátedra. 

Un traballo sobre o monte Breamo, premio de Investigación de Pontedeume