De parranda con Lucero del Alba

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-b67c5e09_1
|

Ou sexa con Venus, a primeira estrela que se ve, e ben que o aprendín de pequeno, da man do meu pai, vello mariño, de quen di o actor Luis Perezagua que segue a medir coa ollada eses horizontes que o mar dilata e amplia con fonduras líricas. As mesmas desta rondalla nedense que ten, xustamente, unha lira no seu brasón e emblema. Esta rondalla que nacera en 1965 con nome tan chamativo e esplendente, que vale -xa digo- para un planeta veciño da Terra ao que anseiaba chegar a parranda, pop para o caso, nun barco. O que sempre será axeitado, o do buque, enténdase, para un concello como o noso que ten no seu escudo nao. Cuspidiña a aquela que crebara as cadeas do Porto de Algeciras, cando o reconquistara Alfonso XI (fillo adoptivo de Neda), coa axuda impagable do nedense Alonso Escudero. E quero dicir con isto que o outro día lembrábamos tal historia (da Historia), por mor da que Neda acadara foros e realeza, na cerimonía de botadura da Orde do Bolo Cachado. Un dos seus primeiros cofrades Don Andrés Pena, presidente de Lucero del Alba, en quen se premiaba a súa persoa mais tamén a a da rondalla que preside, esa institución tan de Neda coma o Río Belelle e os seus muíños, antesala de canto forno fornece de pan e demais viandas subsidiarias ao noso concello e vencellados.
Que Lucero del Alba tiña de nacer era de lei nunha terra onde o canto é cousa cotíá, maneira de querer e de vivir. Non será cousa de enumerar aquí todos cantos saíron de Neda cantando. Mais é de lei citar a Don Pepe Area Carregado, sobranceiro tenor, daquela xente afoutada que fundaran Toxos e Froles. Don Pepe fixera moito polo progreso industrial de Neda, sector Xuvia, cando Xuvia era un emporio, e fundara –marabilla- aquel Cine Principal, que era ademais baile e mesmo salón de bodas. Do Principal hoxe non máis queda o solar agardando tempos mellores, mais tamén a lembranza, en “technicolor”, de tantas paixóns que lá foron río abaixo. O Padre Fanego, Don Manuel Pérez Fanego, forma parte igualmente da ilustración músical nedense. Como seu sobriño o tamén crego Javier Méndez, dos primeiros en musicar os Salmos en galego.
Outro “crack” da música de Neda foi o Mestre Fausto Cansado Landrove. Pianista e compositor, de tan finísimo oído que distinguía as notas dos carros ao cantar. Fausto fora tamén o noso alcalde, e hai rúa ao seu nome. E con el compartín, certo serán inesquencible de agosto de 2008, o título de Fillo Predilecto de Neda. Aquela noite actuara Lucero del Alba, por certo, estreando un tema con letra miña, “Ribeiras do Belelle”, e música de quen dirixira nun tempo a rondalla, José Manuel Gavía Rábano, morto ben novo en accidente de motocicleta. Do texto desta melodía non debo falar pero si da música que lle aplicara o Mestre Gavía, pura “delicatessen” que chegara gravarse en gravación “exenta” mais que boto de menos no repertorio habitual da rondalla. Dunha rondalla que ten como acordeonista, “¡onde estea un acordeón!”, tronaba un meu amigo viñera a conto, moito ou pouco, a un rapazolo que se chama Serafín, e toca como os anxos. Seiva nova para unha rondalla serodia, coma mín, non vos hai muda xeracional, ¡que peniña, Andrés Pena!, na que teño unha chea de amigos. Entre eles Xaime Tenreiro, nachiño de caste renacentista, Toniño “Deportivo” Seijo e seu irmán, Celso, Juan “Civilillo”, Manolo, os Ríos, Viruquiña, coídate moito, e un etcétera espléndido que faría eterna esta glosa. Como eterno e o seu repertorio, que vén de se mostrar nun disco recente, Con todo el corazón. Nel, gravado en xuño na Casa de Cultura de Neda, so da dirección de Ángel Carro, actual director da rondalla, atopamos habaneras, boleros, melodías “standard” (o archicoñecido Tema de Lara, por exemplo), villancicos. Interpretado con tanto corazón e xeito como vai poñer quen se adique á súa audición. Como fago eu, con teimosía, nestes días saudadosos, cando o verán comeza franquear o outono, e o sol de Madrid  aloumiño doce.
O que aportan estas cancións de Lucero de Alba, pura seda, puro río de suavidades, tan limpo e honesto cal o Belelle, do que vimos (ao que imos). Desta volta Lucero del Alba opta por un repertorio convencional (dicíame o outro día Andrés Pena, na Festa do Pan, cofrades os dous da Orde do Bolo Cachado, que é o que o persoal anseia).
E eu non digo que non, que está ben o que aquí se canta, que “India”, “No volveré” ou “Perdón” son cancións fermosísimas e ademais as versións que se fan delas son moi resultonas. Sen dúbida. Igualmente que en “Con todo el corazón” hai tamén temas “de repertorio”, como “El jardín de mis amores” (ao que volvo unha e outra vez), menos coñecidos, que cómpre recuperar. O que fai, claro, Lucero del Alba. Así e todo eu teimaría un pouco máis na procura dunha certa orixinalidade. Poisque aínda que “joven, los experimentos con gaseosa”, como lle dixera Eugenio D´Ors a aquel nachiño que remexía licores carísimos investigando non sei que cóctel, un plus de novidade non lle senta mal a ninguén. E a unha rondalla tan consolidada (e con raigames clarísimas) como a nosa, menos aínda. O mesmo diría da mínima galeguidade do repertorio.
Pouco me parece unha sóa canción en galego, das quince que o disco contén. Aínda que se trate de “Os teus ollos”. Por certo, nos créditos do cedé dise que a letra e a música son de X. Castro “Chané”, sendo así que o texto de canción tan memorable é de Curros Enríquez. De ambos, “Chané” e Curros é igualmente Unha noite na eira do trigo, que lle prestaría moito a Lucero del Alba, Coa que marcho co pensamento neste lusco-fusco de fins de verán, cando o outono comeza verquer riba nosa aloumiños e tenruras. Vou detrás deles, rondalla máxica, como aqueles cativos que aínda non tiñan idade senón para deixarse levar do ronsel da parrandada. Parrandeiro que nacín. E rondalleiro que sigo a ser. Se cadra porque eu tamén son de Neda.

De parranda con Lucero del Alba