Baixo a organización da Liga de Amigos de Barallobre e a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, o sábado terá lugar no local social da primeira das entidades o III Encontro de Cantareiras. Será a partir das oito da tarde e desta volta incluirá a actuación de catro formcións: Xerfa e Xirifeiras (ámbalas dúas de Airiños de Fene), Riscadela (Calo-Teo) e Drizas de Dorneda (Oleiros). As dúas primeiras, dirixidas por Chus Niebla, naceron no seo de Airiños de Fene. Xerfa facíao no ano 2009 e está composto, na súa maioría, por nais e incluso avoas de compoñentes da banda de gaitas fenesa. Mulleres que “sacan tempo dos seus traballos e faceres para dedicarllos á nosa música e canto tradicional”, salientan desde a organización.
Xirifeiras, cuxa creación tivo lugar en 1996, participa en todas as actuacións e espectáculos de Airiños de Fene, tanto na comunidade como noutros lugares do territorio español e mesmo no estranxeiro.
Neste terceiro encontro, tomarán parte tamén as Pandereteiras Riscadela, formación composta por seis membros baixo a dirección de María Solla, así como Pandereteiras Drizas de Dorneda, que iniciou a súa andain en 2010 da man do mestre José Luis Galán. Na actualidade, o grupo está dirixido por Bea Mariño e integrado por mulleres de entre 9 e 52 anos.
escolas
O programa do sábado incluirá ademais actuacións de alumnos das escolas de Airiños de Fene como son as de xogo musical, canto, baile, percusión ou gaita, ás que asisten nenos de entre 4 e 10 anos de idade.