viernes 7/8/20

Ferreiros dun mundo mellor

"Crebemos o xugo do pasado, pobo de servos, ergue xa, que o mundo vai ser transformado e unha nova orde nova vai reinar” porque “non hai salvadores supremos, nin rei, nin tribuno, nin deus, temos que salvarnos nós mesmos, o Pobo Traballador”. Velaquí, na súa  adaptación á lingua galega, a mensaxe de compromiso e mobilización que na letra deste himno convoca  cada ano, agás as excepcións por prohibición ou causa extraordinaria da pandemia actual, no Primeiro de Maio convertido e Día do Traballo; e dicir, das reivindicacións da clase traballadora mundial.

Lembranza, coa manifestación nas rúas e prazas de toda a orbe planetaria, que o movemento obreiro mundial fai reivindicando dereitos e procurando novas conquistas de benestar social, traballo e salarios dignos ; mais tamén no recordo das primeiras vítimas, pioneiros do sindicalismo combativo, con énfase na honra dos cinco traballadores, os mártires de Chicago, condenados a morte e logo executados no proceso da revolta Haymarket; e tamén, pola proximidade, da heroica resistencia das persoas que aturaron unha corentena de paro laboral na compañía eléctrica barcelonesa La Canadiense, fai xustamente un século, aos que debemos que no ámbito territorial español fose incorporada o dereito legal á  xornada das oito horas; aínda que na situación de precariedade e retrocesión dos dereitos laborais que impuxo a imperativa norma laboral, herdeira dunha reforma regresiva que, mágoa diso, mantén a súa inxusta vixencia a día de hoxe.

Memoria, no caso do sindicalismo galego para os nosos propios mártires, aos que honramos especialmente na súa particular data conmemorativa, o 10 de marzo, porén que dotan á causa do universo laboral específico de Galiza dunha especial debilidade, posta en evidencia de xeito dramático nos efectos da destrución de emprego, para alén dos ERTE, relacionado cos procesos sanitarios derivados da declaración do estado de alarma, asañados nos colectivos máis débiles: Mozas e mozos con empregos precarios, a máis grande parte deles no sector servizos, contratos temporais ou a tempo parcial, e aínda máis no emprego feminino. Efecto amplificado pola falta dunha política galega acaída ás necesidade do país, orientada á industrialización.

Coa opinión pública nun calculado ambiente emocional de “shock”,  os poderes económicos intentarán salvar o seu interese de lucro capitalista, unha vez máis por conta de diminuír dereitos sociais, condicións laborais e salarios da clase traballadora, procurando negocio privado en prexuízo do público. Procede ser  “ferreiros dun mundo mellor”. 

Comentarios