Cousas da familia

Sei do delicado que resulta falar de certas cousas e no momento de referirse a elas un ten que andar con sumo coidado por aquilo de non ferir susceptibilidades. Pódese, é máis , débese opinar porque entre opinións móvese o sistema democrático no que estamos instalados. 
E vou opinar hoxe sobre unha familia que pola súa función representativa debera estar sempre coidando que o seu comportamento estea ao abeiro do paraugas da exemplaridade entre outras razóns porque a proximidade ao impoluto nos modos e nas formas entra no seu cometido e no seu salario que por certo sufragamos todos.

A Monarquía arestora non pasa polo seu mellor momento, isto é algo que xa ninguén discute porque a posta en evidencia respecto a comportamentos pouco edificantes por parte do seu máximo representante puxo a esta institución á altura das praxes máis abxectas. A ambición precisa de grandes faldriqueiras e estas moitas vecen rachan por mor do desexo de acumular máis, cada vez máis. 

Moitos poderán dicir que isto é consubstancial ao ser humano, que forma parte da nosa natural condición. Todos queremos máis e un rei non ía ser menos como ser humano que é, así que a intención de vivir coma un rei e un pouco máis aló non debera estrañar a ninguén. Non son monárquico e estas actitudes que teñen que ver con comportamentos pouco modélicos emanados da realeza preocúpame como cidadán pero preocuparíame máis se  o fose. 

Pero non hai máis que botarlle unha ollada ao arbore xenealóxico do “demérito” e ver os comportamentos dos seus devanceiros: de tales paus, tales achas.

Un pode entender certas cousas pero outras son de difícil comprensión por exemplo o estar a estas alturas no empeño constante por parte da maioría da prensa e tamén do goberno na procura de aplicar deterxente para branquear á figura do exmonarca que precisamente pola súa condición de ex xa non é irresponsable dos seus actos. Non me negarán que iso de non ser responsable, de non ter que render contas non forma parte do anacronismo dunha institución cada vez máis obsoleta.  Menos mal que aí están as malditas videotecas e filmotecas para demostrar aquilo de : fai o que eu che diga pero non o que eu faga ou que a lei é igual para todos dito por alguén ao que a lei non atinxe e que lla pasou polo forro. E a Casa Real calada coma un peto coma se non fose con eles, coma se a “familia” estivese ao marxe das andanzas do “padriño”. 

Cousas da familia

Te puede interesar