viernes 27/11/20

O principal e o secundario

Resulta preocupante que o secundario se impoña ao principal

Resulta preocupante que o secundario se impoña ao principal no relato, especialmente nas cuestións que atinxen á sociedade. Moitos medios non axudan neste tema, e tampouco significados dirixentes políticos que din querer terminar coa corrupción, coas complicidades entre cargos públicos e grandes grupos económicos. Semella que todo vale para derrotar o partido contrario, mesmo para desprazar a dirixentes do propio que compiten polo cargo. Así é imposíbel que a política sexa sinónimo de responsabilidade, solidariedade, democracia, de superación do individualismo, que se converta nun proxecto colectivo. 
Sei que hai partidos dispostos a todo para se manter no goberno, para utilizalo no seu beneficio e dos grupos de poder. Vivino na Arxentina cando era emigrante, e estudaba na Universidade, traballaba, e militaba contra desapiadadas ditaduras militares. Padecino despois durante o franquismo cando retornei a Galiza. E estámolo a vivir hoxe doutro xeito, baixo formas formalmente democráticas, cun modelo político e económico baseado no poder do diñeiro e na precariedade, na mentira e posverdade. Un sistema que vincula o aumento do PIB ao crecemento da desigualdade e dunha ampla regresión de dereitos. 
Abraia que forzas que se din transformadoras utilicen os mesmos recursos e argucias na mensaxe que os partidos sistémicos, e polo tanto terminen caendo co tempo presas das súas contradicións. Non porque teñan o mesmo ideario político, senón porque no fondo carecen dun proxecto transformador, non se distinguen nos comportamentos, nen garanten a participación a todos os niveis das clases oprimidas e explotadas. É así, porque estas forzas non contan coa clase traballadora, a única que ten a entrega e vontade para mudar a realidade. Sen ignorar que, mesmo que fose referencia, non é doado superar o sistema, porque ademais das condicións obxectivas e subxectivas internas acaidas hai que contar co contexto internacional. 
O problema central non é mercar un bo chalet, nen como se obtivo un master, malia que pode ser un feito contraditorio e mesmo delituoso. A cuestión de fondo, especialmente nos partidos de esquerda, é que conte máis un titulo e o espazo conseguido nos medios, para ser dirixente, que a coherencia, a a praxe política e o recoñecemento daqueles máis próximos. O problema é, que existan cúpulas de activistas ou grupos de intereses, que substitúan á organización, e que se obvie que as clases populares carezan de protagonismo. Esa é a cerna do problema.

Comentarios