Non se está a facer o esforzo necesario

Segundo as estimacións o PIB caeu un 11,3% durante o pasado ano no Estado español (EE), e crecerá 6,5% durante este ano e o 5,2% no ano 2022. Por suposto que hai previsións máis optimistas que elevan ao 7,7% o crecemento este ano, e outras máis negativas que o rebaixan ao 4,5%. En poucas palabras a recuperación da economía a valores de finais de 2019 só se acadará como moi cedo a finais do vindeiro ano, e isto incide sobre as taxas de desemprego, as condicións de vida das familias, e os ingresos e gastos públicos.

Estas hipóteses dependen da evolución da pandemia, ou sexa, do tempo que leve superala (eficacia das medidas preventivas e vacinamento). Asemade, resulta evidente que o contaxio do covid-19 non ten a mesma intensidade en todas as autonomías e nacionalidades do EE, porén a tendencia é a mesma, tamén nunha gran parte do mundo. Os efectos negativos non son exclusivamente sanitarios, xa que se alargan á economía, especialmente a aquelas actividades moi ligadas á mobilidade (turismo, transporte...) e ás relacións de grupo (cultura, deporte, hostaleira, etc.).

Neste contexto temos que analizar o medre desemprego e o número de traballadores/as nos ERTEs que había a final de 2020 na Galiza. Os parados/as aumentaron en 24.279 durante o ano pasado (un 14,7% máis), e ao final de ano había 33.772 persoas nos ERTEs, moitos/as dos cales poderíanse sumar ao paro se non se recupera plenamente a actividade, especialmente no sector da hostaleira, etc. Lembremos que o total de persoas no desemprego sumaba a fin de ano 189.587. Daquela que sexa lóxico e necesario que se prorroguen os ERTEs.

Para entendermos a gravidade da situación social debemos termos en consideración os dados da Enquisa Conxuntural dos Fogares (galegos) do 4º trimestre de 2020, esta indica que un 57,48% das familias teñen problemas ou moitas dificultades para chegar a final de mes, 11,74 puntos máis que un ano antes. E os fogares que tiñan moitos problemas pasaron do 4,76% ao 9,99%. Máis do dobre! Evidentemente isto non se debe só á pandemia senón a que xa existían condicións de precariedade laboral previas: paro, subemprego e baixos salarios, nun sector moi amplo da sociedade. Un substrato que impediu que medidas como os ERTEs e o salario mínimo, e outro tipo de axudas foran plenamente efectivas para evitar o medre da pobreza e da miseria. Daquela a importancia de reconstruír o aparello produtivo tendo en conta un reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida, e neste eido non se están a tomar as medidas necesarias.

Non se está a facer o esforzo necesario

Te puede interesar