O Camiño Inglés cara ao Ano Santo. A miseria e o esplendor

s diferentes camiños de peregrinación a Santiago (Francés, Portugués, Vía da Prata, Primitivo, Inglés e do Norte), son cada vez máis transitados por diferentes razóns relixiosas, culturais e de lecer, contribuíndo á riqueza material e cultural dos lugares que percorren. 
As Rutas Atlánticas ou do Mar, orixinadas no Medievo arredor dos portos da Coruña e Ferrol, utilizáronse polos peregrinos dos países británicos e escandinavos. Tiveron certo pulo nos séculos XV e XVI, coa auxe da navegación de altura, o maior porte das naves e as relacións comerciais de Galicia co Atlántico Norte. Trala Reforma decaeron, deixando de peregrinar a Compostela os pobos de relixión protestante. 
De tódalas rutas xacobeas, o Camiño Inglés é o único que percorre unha única provincia, o que significa unha vantaxe funcional para o seu desenvolvemento. Ademais o tramo da ruta que comeza na nosa cidade supera os cen quilómetros, polo que se pode conseguir a “Compostela”ou Credencial da viaxe desde Ferrol, cousa que non é posible desde A Coruña. 
 Na deslavazada estrutura municipal de Cultura, Turismo e Patrimonio non semella haber un responsable da posta en valor do Camiño Inglés. As oficinas de Turismo non teñen o axeitado horario e andan escasas de información. 
O selado da “Compostela”, demandada por razóns relixiosas ou culturais, esta mal xestionado polos responsables. A Autoridade Portuaria debe facilitar o uso da Casa do Mar como Albergue de Peregrinos, lugar moito máis axeitado que o edificio da Aduana.   
Queda moito que facer polo Camiño Inglés. O marco inicial do Camiño debería estar ben visible, colocado na beira do peirao de Curuxeiras. 
A Ruta Xacobea non debe atravesalo ruinoso barrio de Ferrol Vello; debe seguir pola rúa do Espíritu Santo, camiño da Praza Vella e rúa San Francisco. Alí estiveron a antiga igrexa de San Xiao e o medieval peirao da Cruz, histórico lugar de comezo do Camiño. Alí segue o edificio do vello Hospital de Peregrinos (esperando a placa que lembre a súa función). Alí levántase a monumental Sala de Armas do Arsenal (descoidado o seu exterior, pola desidia da Armada). 
 Mentres o concello de Neda é un exemplo da posta en valor da ruta, Ferrol, Narón e Fene amosan o seu deixamento cara ao camiño xacobeo. O barrio da Madalena e o Cantón de Molíns non dispoñen de boas indicacións, mentres que o barrio de Esteiro non ten a axeitada sinalización dos monumentos de interese. Tampouco está ben indicado o camiño polo barrio de Caranza cara á capela de Santa María. Cumpre mellorar o itinerario no deturpado polígono comercial da Gándara, levando a ruta pola beira da ría.
  Ante o próximo Ano Santo 2021, son milleiros os peregrinos que están a chegar a Ferrol. Non obstante, as asociacións e entidades culturais da cidade non amosan o debido interese polo Camiño. Os establecementos de hostalería, que poderían saír moi beneficiados, non son quen de interesar aos peregrinos. Outrosí, as librerías e tendas de Ferrol tampouco mostran atractivos escaparates de publicacións e recordos do Camiño Inglés.
Tanto a Universidade como a Xunta de Galicia teñen completamente esquecida a Ruta Atlántica, o peor tratado entre tódolos Camiños Xacobeos. 
Ámbalas dúas entidades debería considerar a celebración en Ferrol dun Congreso internacional sobre as Rutas Atlánticas, continuación do feito en setembro de 1996. 
Non deberían seguir o exemplo do mal trato ao Camiño Inglés da Deputación Provincial coruñesa, que xa lle dera o anterior e pouco eficiente presidente Diego Calvo, que mesmo botou a perder e non quixo presentar en Ferrol unha publicación sobre o Camiño Inglés, editada pola propia Deputación o ano 2014 coa colaboración de varios escritores ferroláns.

O Camiño Inglés cara ao Ano Santo. A miseria e o esplendor

Te puede interesar