jueves 24/9/20

Arroz con chícharos

Por mor da enfermidade da miña muller da que pouco a pouco vaise repoñendo

Por mor da enfermidade da miña muller da que pouco a pouco vaise repoñendo, anque máis lentamente do que eu quixera, tócame a min facerme cargo da cociña, ir á compra e demais labores que o xantar diario dia supón. 
Non é doado o traballo que comenza por dispoñer o que se vai cociñar, e isto un día si e outro tamén. Moito mérito teñen as mulleres amas de casa, non queda outra que recoñecelo, e aínda por riba algunhas teñen que desempeñar un traballo lonxe do seu fogar. 
Dende aquí meu recoñecemento para tantas mulleres que ademais de coidar marido e educar fillos adolescentes, desenrolan a súa profesión fóra de portas, para o que precisan erguerse, de luns a venres, as seis da maña durante todo o ano. Nestes intres que estamos a vivir, aínda teñen tempo para botar unha man no coidado dos seus maiores
Eu fago o que podo. Na cociña nunca había pasado dos ovos con patacas fritas, da tortilla francesa, e das latas de bonito, Palacio de Oriente, con cebola das que son un experto. 
Agora tócame loitar con lentellas, garavanzos, fabas, espinacas, allo porro, pementos, pirixel, polo, peixe...etc, todo o que se precisa para cociñar acotío. Anque teño algunhas axudas e a muller xa vai botando unha man, estou aos meus moitos anos, farto entre outras cousas de queimar croquetas e bacallaus, que aínda non lles teño ben collido o punto. 
Hoxe temos fabada de bote, marca Litoral recomendada polo meu xenro, pescada fervida con maionesa e, si veñen a comer as miñas netas, pizza Tres Queixos que é a que lles gusta. 
Maña a ver que dispón unha miña filla que traballa en Lugo e ven tódolos fins de semana a facerme o relevo. E así ímola andando.
Repito a miña admiración e recoñecemento á sufrida labor das amas de casa, tantas veces pouco valorada e recoñecida. 
Pola miña parte aínda me queda, mentres cociño, unha chisca de humor para entoar, entre dentes, aquelo que di:
Arroz con chícharos,
patacas novas, 
repolos de Betanzos          e máis cebolas
PD.- Só me resta agradecer a familiares e achegados, o agarimo e o interese demostrado pola evolución de Eva nai que, como xa vos dixen máis arriba, vai mellorando día a día.

Comentarios