Merda d’artista

En 1961 o artista Piero Manzoni gardou os seus excrementos en latas que expuxo coa lenda “Merda d´artista” como crítica ao consumismo e á decadencia da arte. Cando hoxe leo que o alcalde ferrolán considera que o PSOE se atiborra de té en salóns relaxados, que para o PSOE o goberno se baña en cubatas e que para o PP a principal labor do executivo é tomarse unhas cañas non podo deixar de pensar en Manzoni. Porque quizais se embotellásemos todo este delirio poderiamos expresar como Manzoni fixo coa arte, a decadencia política dunha cidade que perde 1.000 habitantes ao ano.
Acepto a ironía, a metáfora, a brutalidade lingüística e incluso o cinismo como recursos para expresar ideas pero non atopo valor na nada porque máis aló do cutre, detrás destas declaracións non hai nada, non hai política nin discurso. E aínda que semella que os seus protagonistas desfrutan do seu descaro estaría ben que lembrasen que a irreverencia non está nos detritos de Manzoni senón no feito de convertelos nun produto e no que iso significa.

Merda d’artista

Te puede interesar