jueves 02.07.2020

Cámbiache o conto

Días atrás preguntábase o noso presidente se pensabamos que o Estado trataría tan mal aos vascos como está a tratar aos galegos, a quen nos debe 700 millóns de euros dos orzamentos. 

Todos nos apresuramos a contestar que non. E o Sr. Feijóo enche o peito de orgullo ao demostrarse que aos galegos e galegas, España trátaos así de mal cando está nas mans dun PSOE débil preso de diabólicos nacionalistas.

Mais Feijóo oculta que a España do PSOE ou do PP, para o caso tanto ten, trátanos así porque pode. Porque os tributos que aquí pagamos viaxan directos do noso peto cara Madrid, quen na súa magnanimidade decide que parte deles nos devolve e cando. E a diferenza fundamental cos vascos é que non pode. O sistema de financiamento vasco é xusto ao revés do noso. O noso é o do conto: este foi por leña o monte, este puxo o lume... e este, o Estado gordiflón o papou. O vasco é o chamado sistema Juan Palomo: yo me lo guiso, yo me lo como. Eles recadan, cobren as súas necesidades e despois pactan canto entregan ao Estado. E a pesar de que así deixaríamos de estar nas mans de políticos adolescentes, como el mesmo os cualificou, nada disto di o Sr. Feijóo, cómplice de que entreguemos puntualmente cada ano preto de 10.000 millóns de euros a España para que nos devolva, cando lle apeteza 7.000 millóns.

Comentarios