O Cortexo Cívico leva de ruta histórico-artística por Pontedeume con motivo das Letras

A programación comeza hoxe coa presentación do quinto cancioneiro popular eumés na Casa da Cultura
O Cortexo Cívico leva de ruta histórico-artística por Pontedeume con motivo das Letras
Igual que na pasada edición, a cita contará coa música da banda Charamela | DANIEL ALEXANDRE

Os Xardíns de Lombardero son sempre o punto de partida do Cortexo Cívico que organiza o Ateneo Fernán Martís, Colectivo Terra e o Concello de Pontedeume con motivo das Letras Galegas, no que creadores de toda a xeografía galega guían ao público nunha ruta pola vila, con paradas estratéxicas que reúnen historia e distintas artes.


O programa das Letras deste ano comeza esta mesma tarde, ás 19.30 na Casa da Cultura, por vínculo temático: hoxe preséntase “Apañando letras e sons”, a quinta parte do cancioneiro popular eumés, de Xosé Paz Fernández “Pepucho”, con prólogo do profesor de Lingüística da UDC Celso Álvarez Cáccamo, un exemplar que se agasallará aos asistentes.


Mañá sábado, Día das Letras, o salón de plenos do Concello acollerá a entrega de premios do Concurso de Contos Vila de Pontedeume, ás 11.00, para dar paso ao inicio do percorrido ás 12.00 horas.


Roteiro

A comitiva estreará a cita nos xardíns lembrando que moi preto residiu Agustín Fernández Paz, unha figura que loará “un dos puntais do xénero”, tal como describe Pepe Barro, vicepresidente do Ateneo, a Andrés Fraga, así como fará coa propia literatura infantil e xuvenil. Nestes primeiros instantes tamén intervirán as Cantareiras de San Pantaleón.


“No Torreón deu un histórico recital Uxío Novoneyra no ano 1960”, rememora Barro, polo que o guía turístico e actor Suso Martínez proporá deterse neste punto, onde recitará a Méndez Ferrín, o poema de Roi Xordo, que “tivo a súa capital en Pontedeume durante algún tempo e pelexou contra os Andrade”. A seguinte parada será a casa do prolífico pintor local Abelardo Miguel, na rúa Pescadería 28, onde a protagonista será a artista plástica Mónica Alonso.


A cantora lírica Ana Belén Manteiga, acompañada con piano, homenaxeará a Rosario Salgado, que fora compañeira de profesión, aínda que no século XIX, realizando carreira por toda Europa. O encontro terá lugar ao final da rúa de Santiago, onde nacera esta artista, e nesta mesma vía, no número 5, participará a escritora e activista da arte Oriana Méndez. Dende Vigo, virá á vila para intervir na antiga casa de telégrafos que abrira Xohana Torres tres anos antes de publicar o seu primeiro poemario, co cal “quero creer que entre telegrama e telegrama dáballe ao verso alí”, sinala Pepe Barro.


Na casa de Galo Salinas estará Cristina Iglesias, que interpreta a Virxinia Pereira, muller de Castelao, en “Antes de nós”. Despois, a historiadora Pilar Cagiao falará dende un balcón do Pazo de Raxoi, un arzobispo que estivo moi vencellado á orixe dos primeiros centros galegos. A ruta rematará na praza da Angustia, onde o galardoado xornalista e escritor Xesús Fraga lembrará os veráns de Luis Pimentel na vila, e o autor e actual director da Editorial Xerais, Fran Alonso, despedirá o Cortexo Cívico na casa Ramiro Fonte.
 

Ademais, as Letras Galegas de Pontedeume seguen o domingo co concerto da AFC Orballo na Alameda de Raxoi, a partir da 13.00 horas. 

O Cortexo Cívico leva de ruta histórico-artística por Pontedeume con motivo das Letras

Te puede interesar