A xustiza social na contratación

Na política económica e mesmo na contratación pública –se cadra máis que en ningún outro escenario– demóstrase o ADN do compromiso social, a esencia dunha opción política. O Goberno de Inés Rey na Coruña vén de sacar a licitación un contrato de limpeza dos edificios e dependencias de titularidade municipal. A magnitude das cifras -máis de 5,5 millóns de euros ao ano- é relevante, pero o importante dese contrato non radica aí, senón no que representa en canto a unha maior xustiza laboral dun colectivo que, por desgraza, pasa discretamente desapercibido na xestión pública.

O novo contrato substituirá a ducias doutros máis pequenos que prestaban o servizo baixo o único criterio do prezo e sen ter en conta moitas veces elementos tan relevantes na vida das persoas como a estabilidade laboral, a certeza salarial e mesmo facilitar o traballo aos sectores que máis o precisan nas mellores condicións posibles. Asuntos como o exceso de temporalidade, os contratos por horas, a falta de garantías de futuro e mesmo as diferenzas nos ingresos e condicións en persoas que desempeñaban as mesmas funcións eran temas que este Goberno municipal quería corrixir. Non foi doado, requiriu unha importante dedicación e xestión. Requiriu tamén de sentar a dialogar tanto cos sindicatos que representan ao sector como coa patronal, ata por fin chegar a un punto de encontro.

O novo contrato de limpeza xa está en licitación, e servirá para mellorar a vida de 292 persoas, na súa maioría mulleres, que desempeñan o seu traballo nas dependencias municipais. Primará os contratos indefinidos e as xornadas completas, facilitando así mellores condicións ás e aos profesionais que se ocupan de dito servizo. Ademais, primará a incorporación nos postos precisos de mozos e mozas e desempregados, e tamén de persoas con discapacidade en busca dunha oportunidade laboral, obxectivo nada sinxelo nun mundo como o que nos tocou vivir.

Non muda o obxecto do servizo, mais muda a forma de prestalo, evidenciando así que é posible actuar desde o público mellorando sensiblemente a vida das persoas e actuando con consideración e sensibilidade cos seus problemas e necesidades. Para iso, ao final, estamos aquí os que nos dedicamos á xestión pública, para facer deste mundo un lugar un pouco máis xusto e mellor. Coido que non é un paso menor, e considero que o cambio aprobado exemplifica perfectamente o espírito que anima ao Goberno da Coruña. A prestación de servizos e a súa mellora nos resultados é un obxectivo irrenunciable, mais tamén o ten que ser axudar a dignificar a vida das persoas sexa cal sexa o seu labor, apoiando desde as nosas posibilidades tamén aos colectivos máis febles e con menos visibilidade e capacidade de manobra. Niso, ao final, radica a diferenza entre uns e outros partidos. No noso está moi claro o camiño a seguir.

A xustiza social na contratación

Te puede interesar