O voto do medo

Se cadra, o voto do medo funcionou como os señores do IBEX e da guerra querían. Se cadra, a pantasma do fascismo vaga pola Europa dos Mercados para fidelizar a clase traballadora (hoxe aburguesada no seu alienamento) ás políticas neoliberais. Se cadra, a esquerda xa ten o certificado de defunción e incluso ten un seguro de decesos que lle faga máis levadoiro o loito e a burocracia da morte e o funeral. Se cadra, cada cabodano faremos misa laica polo seu pasamento mentres choramos a perda de políticas sociais e dereitos constitucionais incluso nunha esquerda que se opuña a esta encorsetada constitución que couta a posibilidade dunha república federativa.
 

O voto útil, que sempre resultou o máis inútil para a maioría, vainos traer máis do mesmo. Cousas que pasan cando a autonominada esquerda xoga ao unitarismo centralista dunha España da que só coñecemos a súa caricatura en feitío dunha simboloxía coroada e sempre fanada para os dereitos nacionais das nacionalidades históricas. Ao fin, o medo ao fascio inducido dende os medios de comunicación e ese apoio de frontes con lembranzas preguerra civil polo que os partidos nacionalistas apoiaron as políticas estatais -claramente lesivas para a clase traballadora- non fixeron máis que vender os dereitos nacionais e con eles a defensa dos territorios periféricos contra a depredación neocolonial Next Generation. 
 

Os resultados electorais preparan un cheque en branco do voto inútil, dun centralismo político abraiante, na seguranza de que as nacionalidades históricas non avancen na reclamación dos seus dereitos políticos, fanados dende que outro voto útil naquela transición á monarquía nos deixou, neste desamparo centralista aos ventos da depredación capitalista.
 

Alguén pode acreditar que no 23 J gañou a esquerda? Alguén pode acreditar en que imos deixar de ser 

colonia?

O voto do medo

Te puede interesar