A viravolta dunha gaivota

As gaivotas son algo consubstancial á paisaxe da miña vila. Outrora retirábanse ao esmorecer o día lonxe aos seus niños nos acantilados de fora da ría, pero arestora se acostumaron a viviren connosco e incluso aniñan nalgúns tellados. Isto supón que temos que soportar certas incomodidades propias ao seu comportamento non afeito a gobernaren baseándose na razón (non sabemos como andan as aves diso) e si nas súas necesidades entre as que destaca o alimento. Malia iso confeso que me gustan as gaivotas; son belas, listas e decididas.
 

E dito isto paso a contarlles o que pasou estes días: resulta que unha delas, pola razón que fose, precipitouse ao patio de luces do edificio onde vivimos e pasou de súpeto a estar nunha situación límite. Sen poder remontar o voo estaba condenada a morrer por inanición, pois a única forma de acceder ao patio era a través do primeiro andar e aí non había xente, e nós vivimos nun terceiro. Se non se facía nada, o animal morrería irremisiblemente. Ante o dilema entre o desleixo ou actuar non había dúbida e actuamos: falamos cos G.E.S. ( Grupo de Emerxencias Supra Municipal) pero non podían intervir se non accedían directamente ao patio. Namentres decidiamos que facer andei a botarlle comida: vía ao animaliño apoucado e acuruxado nas esquinas daquel espazo, coma nun corredor da morte de pouco máis de tres metros cadrados, e resinado a súa sorte. Daba unha mágoa enorme velo nesa situación que durou seis días, tempo no que xestionamos todas as posibilidades. A Policía Municipal conectou con varias asociacións pero nada, ata que dou cos veciños do primeiro que se atopaban fora da vila. Por fin achegáronse e facilitaron o acceso ao persoal do GES que recolleu á gaivota, apoucada pero indemne.
 

Cando a soltaron a carón do mar, sentín a sensación de que emprendeu o voo con ledicia, sen dar creto ao que estaba a acontecer. Dou un par de pasadas en círculo como desexando agradecer a súa liberación e pasou de seguido a reunirse cos seus conxéneres. 
 

A veces intuímos ou especulamos respecto a como senten os animais, sobre todo aqueles que están afeitos a viviren en liberdade, e a gaivota é un deses seres que prefire a incerteza ao cativerio, a voar ceibe na procura da supervivencia. Confeso que tamén dentro de min sentín un alivio enorme ao vela voar de novo e escoitar ese agudo graznido como dicindo: grazas, amigos por darme outra oportunidade!!.  Agora, namentres escribo , vexo as gaivotas voando alto, moi alto xogando con este nordés que nos alivia en certa medida destes calores abafantes. En calquera caso intúo que gozan facendo isto, ao tempo que nos amosan o seu voo maxestoso.

A viravolta dunha gaivota

Te puede interesar