A vida como ela é

Este pasado xoves, como é público e notorio, convalidouse no Congreso dos Deputados o Decreto-lei de reforma laboral polos pelos e despois dunha sorte de tangana final que, verdadeiramente, non deixa en moi bo lugar a quen participou nela.


Vaia por diante que a min -creo recordar que algo xa deixei escrito ao respecto aquí, no noso Diario- o texto final desta reforma, que lin con detemento -algunhas partes máis dunha vez, porque non acababa de dar crédito ao que estaba a ler-, paréceme bastante pouca cousa, moi cutre. Os seus principais defensores e defensoras –e outras e outros que non o foron tanto, pero que a votaron favorablemente– aludiron contantemente a que supuña un avance en relación á lexislación vixente,. a aprobada hai case dez anos polo PP. Faltaría máis. Pero a verdade é, ao meu entender, que son moi escasos e que, pola contra, o texto da nova lei mantén aspectos moi lesivos para os traballadores da anterior, que abondara nos recortes de dereitos contemplados na reforma de 2010, con goberno de Rodríguez Zapatero.


Só con ter presente o que a respecto desta nova reforma dixeron persoas como Fátima Báñez, Inés Arrimadas, Mariano Rajoy, Ana Botín... parece evidente que está moi lonxe do que se prometeu facer no comezo da lexisltura. A anos luz e os tempos non están, precisamente, para andar facendo reformas 

todos os días.


Por iso semella bastante claro que o feito de que o PP se botase da parte de fóra do proceso reformista desde o primeiro momento non se debeu a que o texto que se pretendía aprobar estivese moi afastado do que eles farían de estar no poder –velaí o dito polos artífices da reforma vixente ata o outro día–, non. Os motivos son ben outros e teñen que ver coa estratexia xeral para queimar o goberno. O texto da reforma tal como estaba e quedou non lles importaba nada, non ía en contra de ningún dos seus principios programáticos. Velaí están os apoios de Ciudadanos e o comprometido -logo frustrado- de UPN, que nese aspecto pouco ou nada difiren do PP.


Logo está a decisión de votar en contra tomada polos partidos que adoitan apoiar puntualmente o goberno. Escoitei as intervencións dos seus portavoces e todas me pareceron do máis convincentes. Desde logo bastante máis do que as de calquera dos defensores e defensoras do texto a votar.


Aínda que nunca me vin nin me verei nesa situación -sempre que fun nunha candidatura electoral de carácter político foi co convencemento de que non ía saír, pois doutro xeito non iría- pasoume pola cabeza que tería feito eu de ter que votar o pasado xoves e sen lle dar moitas voltas cheguei á conclusión de que renunciaría ao meu escano e non votaría. Estou totalmente a favor da disciplina de voto. Se as listas fosen abertas outro galo cantaría, mais é o que hai.


A actuación dos señores navarros –que non son os primeiros en facer tal cousa, aínda é ben recente o caso de Murcia– non é de recibo e o das explicacións peor aínda. E din que un é filólogo... Como está o patio, que nivelón. Desde logo non estaría mal que lle botasen unha ollada ao que adoitan querer dicir a palabra dada, a rectitude, a honradez...

A vida como ela é

Te puede interesar