Viaxe a Lisboa

Tiña moitas ganas de volver a Lisboa, unha das cidades das que gusto e amo. Acredito, ademais, no proverbio “quem não viu Lisboa, não viu coisa boa”. Un bocadiño esaxerado, se cadra, mais, no fundo, certo. Para min a capital portuguesa é unha moi fermosa cidade. E tiña moitas ganas tamén de volver á Festa do Avante! Algún que outro contratempo e a maldita pandemia coronavírica motivaron que houbese xa cinco anos que non acudía. Mais hai quince días alá fun, marabillosamente acompañado -como a última vez- de meu benquerido neto máis vello, con quen sempre me resulta moi pracenteiro viaxar. Hai tempo que Lisboa deixou de ser aquela cidade tan encantadoramente acolledora que moito pateei no verán do 78, cando nela morei mes e medio facendo un curso de portugués para estranxeiros na Faculdade de Letras da Universidade que leva o seu nome, coa axuda dunha bolsa da Fundação Calouste Gulbenkian. Fixen amizade con algún e algunha que outra compañeira, nomeadamente cun alemán e cun ruso. Por separado, malia que ambos, ademais do curso, andaban a colaborar -de feito ficaron un mes máis na capital lusa- en tarefas de organización da Festa do Avante!, que aquel ano celebraba a sua terceira edición. Pero, a pesar da carga de turismo salvaxe que soporta, segue a ter moito encanto. Segue a ser unha delicia -sempre que non nos papen as terrazas- pasear pola Baixa, polas zonas planas do Bairro Alto ou descer -que non subir- desde este, desde a Graça ou desde o Marqués de Pombal ao Rossio, por poñer un exemplo. Porque Lisboa ten moitas, moitas, moitas costas. Como dicía o Iago, despois dunha longa camiñata, para ir ver o Atelier-Museu Júlio Pomar e logo apañar un metro, “quem non viu Lisboa, non viu costa boa”. Dicíao por min, porque para a xente nova as subidas non deixan de ser un problema moi menor. Moi boa a estadía pola capital e outro tanto pola Festa da Quinta da Atalaia, en Amora, no concello de Seixal, na outra banda do Mar da Palha. Pese á infamante campaña descualificadora da dereita cavernícola portuguesa, alcumando os artistas de prorrusos e outras lindezas, o elenco musical foi relevante e variado. Do que vin, gustei moito do Jonas, que levou á Festa unha mostra do seu espectáculo Bate Fado, no que inclui unha interesante coreografía con danza, palmas e taconeo, na liña de recuperación das desaparecidas danzas do fado, das que hai noticia ata 1910. O chamado fado batido, ese ao que nós, galegos, mencionamos no coro ou refrán d’O sancristán de Coímbra: “E bate fado e bate ben, / ti ére-la causa do meu desdén”. Ou tamén escoitamos no “Fado Dançado”, escrito e musicado por  Miguel Araújo para Ana Moura -cantor e cantora das miñas preferencias-: “Se o fado se canta e chora / Também se pode dançar”.Tamén desfrutei -sorprendentemente, porque non é o tipo de música que me atrae- vendo e escoitando o Rave Avante!, por primeira vez na Festa, e que este ano está dedicado ás mulheres e as súas loitas. A DJ lisboeta Violet, cunha longa traxectoria de actuacións en xiras e relevantes festivais de moi diferentes países do mundo, convidou á tamén DJ ganesa -criada em Londres e residente en Berlín- Yazzus e á libanesa Renata, moi experimentada en batidas. Daba xenio ver a alegría coa que danzaba o persoal de todas as idades. Curioso. Unha inoportuna afección urinaria impediume ver, como tiña previsto, as actuacións da fadista Carminho e da brasileira Bia Ferreira, a creadora da MMN, Música de Mulher Negra. Ademais, como non, do discurso do Jerónimo de Sousa.
O próximo ano haberá que tentar volver.
 

Viaxe a Lisboa

Te puede interesar