Na mañá do pasado 25 de abril recibín unha mensaxe do meu neto Iago, residente en Firenze, con este texto: “Feliz revolución dos cravos. Aquí día de liberación dos nazis”.
Non lembraba que ambas as conmemoracións fosen coincidentes nese día, do que aquí sempre se falou pouco. Mais, o que son as casualidades da vida, ao día seguinte fun ao Centro Cívico de Canido a escoitar versos da Poesía Salvaxe e alí batín coa inesperada e interesante exposición Libres tod@s, con textos e imaxes recordatorias das liberacións italiana e portuguesa, iniciativa, que aplaudo con entusiasmo.
En Italia, o 25 de abril de 1945 foi o día en que o Comitato di liberazione nazionale Alta Italia, que, desde Milán, coordinaba as operacións partisanas, proclamou a insurreción xeral dando orde de atacar todas as forzas nazifascistas presentes en Italia. Milán, Turín e Xénova ficaron liberadas ese mesmo día e poucos días despois, o 1º de maio, os partisanos xa tiñan controlada toda a parte septentrional italiana.
Ao ano seguinte, por decreto gubernamental, celebrouse o 25 de abril como día da liberación, data que se institucionalizou como festividade definitiva een 1949.
A xesta da resistencia tivo –e como non– os seus versos, obra de diferentes e relevantes autores. Como mostra, escollín e verquín ao galego “Alle fronde dei salici” (“Nas frondas dos salgueiros”), de Salvatore Quasimodo, Premio Nobel de 1959:
“E como podiamos cantar / co pé estranxeiro sobre o corazón / entre os mortos abandonados nas prazas / sobre a herba dura de xeo, ao lamento / de cordeiro dos cativos, ao negro berro / da mai que ía ao encontro do fillo / crucificado nun poste do telégrafo? / Nas frondas dos salgueiros, por voto, / tamén as nosas cítaras estaban penduradas, / oscilaban leves ao triste vento”.
e “25 aprile” (“25 de abril”) de Alfonso Gatto:
“A pechada angustia das noites, o choro / das mais negrexadas na neve / ao carón dos fillos asasinados, o ouveo / no vento, nas tebras, dos lobos / asediados pola propia masacre, / a esperanza que dentro de nós espertaba / alén do horror as palabras ouvidas / da boca inmóvil dos mortos / “liberade Italia, Curiel quere / que o envurullen na súa bandeira”: / todo ese día irrompeu na vida /coa enxurrada de sangue, no azul / o vermello latexou como unha garganta. / E ficamos vivos, revitalizados / co sorriso nos labios, os ollos cheos, / a man plena no seu puño: o corazón / de improviso apareceunos no medio do peito”.
O máis habitual é cantar os triunfos e non as derrotas. Mais algunhas destas tamén tiveron os seus versos.
Tal así, entre nós, a Revolución de 1846, que acabou co fusilamento, o 26 de abril, en Carral, do coronel Solís e 11 dos oficiais que a encabezaran. Pondal dedicoulle tres poemas á efeméride, o último deles aparecido no ferrolán El Correo Gallego o 21 de maio de 1904, véspera do día en que se inaugurou o monumento aos Mártires de Carral:
“Os traidores e infames, / os tránsfugas e necios; / aqueles que aplaudiron / o bárbaro decreto; / os tímidos e imbéciles / e d´ánimo fraquento, / ao ver de longe a costa / funesta de Paleo, /con risas ou con bágoas / ignaros din: «Morreron». / Mas unha voz sublime, / que vence o tempo e o ferro, / capaz d´erguer os mortos / do seu repouso eterno, /indignada contesta: / ‘Valerosos caeron, non morreron!’