Canido despide outros Maios en Canido para gardar na lembranza

Este domingo celebrouse a última xornada do encontro tradicional con algunhas das citas con máis participación
Canido despide outros Maios en Canido para gardar na lembranza
Unha das comidas que quedaron na rúa sen temor á auga | JORGE MEIS

O barrio de Canido volve á vida cotiá despois dunha despedida do inverno para gardar na lembranza, que, a pesar de precisar algún cambio de última hora, non deixou envexa ningunha con respecto a edicións anteriores. A festa dos Maios rematou este domingo coa popular comida veciñal, un encontro que todos os anos pon de manifesto o carácter comunitario dos seus habitantes, que se retroalimenta con esta proposta na que familias e amigos sacan a mesa da casa para o xantar.


Ante a posibilidade de chuvias, algúns banquetes trasladáronse ao patio do CEIP Cruceiro de Canido, aínda que o optimismo doutros fixo que a celebración continuase polas rúas, con reunións multitudinarias en ambos espazos.


Estaba previsto que as nenas e nenos pecharan o encontro do mesmo xeito que o ano pasado, coas actividades lúdicas e educativas de Ubuntu, da man da asociación Os Picos do Sol, no parque Antón Varela, que finalmente tiveron que ser adiadas pola meteoroloxía.


Con todo, non faltou entretemento no derradeiro día dos Maios, que xa dende pola mañá comezou abrindo o mercado popular e o Toldo da Tafona, unha iniciativa xa consolidada que recada fondos para fins sociais e que este ano se localizou no CEIP Cruceiro de Canido.


A pesar de que tamén houbo monicreques de Kalina Teatro no centro cívico, a Praza do Cruceiro  foi centro neurálxico desta xornada coa variada sesión vermú que ofreceron as agrupacións Sr. X e Bestas: no primeiro caso cunha selección de ska e reggae e no segundo de punk-folk.

Canido despide outros Maios en Canido para gardar na lembranza

Te puede interesar