Coido que nun futuro non moi lonxano, a Historia haberá de considerar un acerto a composición do Goberno do Presidente Sánchez; e non só por ser o primeiro na democracia en demostrar que se pode gobernar en coalición, senón por ter incluído no equipo tantas mulleres. E seica acertou, porque, ben mirado, ninguén mellor ca elas para desenvolver moitas das funcións que foron catalogadas como “Ministerios”. Porque, imos ver: quen está mellor capacitada ca elas para ocuparse do Traballo, da Facenda, dos Asuntos Económicos en xeral, da loita pola Igualdade, dos Dereitos Sociais e da Defensa dos fillos e do fogar? Quen senón as mulleres levan desde sempre, facendo e sufrindo as consecuencias destas funcións, de xeito cotián? Aínda que só fose por iso, malia todos os intentos dos seus rivais por “defenestralo”, o Goberno do sr. Sánchez xa é un acerto, se ben que o mérito do Presidente sexa relativo, porque, a fin de contas, “mulleres tiñan que ser”!!!. Ou non é?