Todos contra o lume (II)

Escribín eu e publicou este xornal o pasado luns 29, con este mesmo título, un apunte falando dos incendios que estamos a sufrir, cada ano en maior medida. Nel trataba de expresar a miña preocupación e falaba, como idea xeral, dunha organización a nivel nacional pra loitar contra eles. Esta mesma preocupación faime volver de novo sobre o tema, cunha proposta que, ao meu xuízo, ten moito de sentido común.
 

Por razóns evidentes, xeográficas, administrativas, económicas...etc, penso que debe ser o Ministerio de Defensa, concretamente o exército de terra, apoiado polos de mar e aire e espacio, o responsable da loita contra o lume ao longo e ao ancho do país. Para elo aproveitaríase a infraestrutura xa existente, establecendo as novas instalacións que, despois dun estudo a fondo se consideren necesarias. Esta nova obriga é totalmente digna, necesaria e compatible co resto de funcións que teñen asignadas as forzas armadas.
 

A primeira condición, “sine qua non”, é que todos, de capitán a paxe temos que asumir a importancia do problema e da necesidade da súa solución. Un dos primeiros pasos sería establecer un regulamento que obrigue a todos ante o lume, tanto no que se refire á prevención, a extinción como a posterior reparación dos danos causados por el. A cousa só funcionará creando no Goberno, nas empresas e nas forzas armadas, a tódolos niveis, unha mentalidade, unha nova filosofía se é preciso contra o lume.
 

Ao mando da organización estaría un xeneral do exército de terra con todo o staff e axudas necesarias, sen escatimar esforzos de ningún tipo, para levar a cabo a súa misión.
 

Nin Roma se fixo nun dia nin Zamora se gañou nunha hora, pero a cousa é urxente para eliminar no futuro as horribles escenas que nos está a presentar a TV acotío duns incendios que arruínan vidas e facendas, casas e colleitas queimadas... etc
 

A miña e só unha proposta que deberá ser estudada por quen corresponda, pero estou seguro de que coa intervención do exército diminuirán os incendios co conseguinte aforro de vidas e facendas ao prezo máis baixo posible.
 

Abofé que os tres exércitos, aportando a súa experiencia e as súas instalacións, e centros de adestramento contra incendios, teñen moito que dicir na resolución do moi grave problema que nos ocupa. Un incendio non é unha guerra pero parécese moito, sobre todo nas súas consecuencias devastadoras. Tamén aquí hai un inimigo a combater que é o incendiario, causante, disque, do 90% dos grandes lumes.

Todos contra o lume (II)

Te puede interesar