Todos contra o lume

Non sei si debido ao cambio climático, estamos a vivir uns tempos de seca cunhas consecuencias coñecidas e sufridas por todos, a maldición dos incendios. Europa enteira está a sufrir esta praga nunca vista ata de agora con tanta intensidade, con varios mortos, casas e facendas pasto do lume e perdas multimillonarias en euros.
 

Para que se produza un incendio ten que existir principalmente o combustible, un dos tres compoñentes do lume que neste caso é a maleza que medra de xeito salvaxe nos nosos montes e bosques xunto con outros refugallos provocados polas actividades humanas. Eliminando estes combustibles, eliminariamos os incendios que tanto mal están a facer na nosa vida cotiá.
 

O primeiro paso para elo, é a prevención, evitando o crecemento indiscriminado de maleza e refugallo, como está a ocorrer. Para elo, eu establecería en tódalas capitais de provincia un centro de loita gobernado por un equipo, seleccionado entre os parados e voluntarios das forzas armadas, coa clara obriga de manter os montes e bosques limpos. Penso que o seu método de traballo ten que ser centrifugo, quero dicir dende o centro de control cara a fóra, establecendo círculos concéntricos ata cubrir todo o terreo asignado. Establecería asemade nas zonas de influenza de cada provincia, uns embalses estratexicamente situados, co obxectivo de encherse, e manterse cheos, durante a época de choivas e ser utilizados no estío. 
 

O seguinte paso é a extinción, a loita sen cuartel, contra os propios lumes. Para elo, o mesmo equipo anterior, deberá ser adestrado e dotado de material de contra incendios adecuado para unha rápida intervención na súa zona de influenza e mesmo en outras adxacentes se así o precisaren.
 

Non entro en disquisicións económicas. O problema e o suficientemente grave como para non escatimar esforzos, anque penso que, ante as perdas millonarias que se están a producir, o balance da miña proposta sería positivo, sen esquecer a vantaxe de proporcionar emprego a moita xente que está a sufrir outra gran eiva destes tempos que é o paro.
 

¡Todos contra o lume, inimigo común no mundo enteiro, e deixémonos de guerras que non conducen a ningures, só desolación e morte!
 

PD.- Fagamos unha proba na nosa terra, na provincia da Coruña si se quere, e conseguiremos por riba da eliminación dos incendios, unha gran mellora na paisaxe.

Todos contra o lume

Te puede interesar