Semana da Mobilidade Sostivel?

O concello de Ferrol e Narón veñen de comemorar a Semana da mobilidade. Vemos nos xornais unha foto duns nenos con monopatíns e bicis nunha praza das poucas nas que as crianzas poden facer uso deles sen perigo de ser atropelados por un carro ou polas queixas da clientela das terrazas de hostalería. Parece que en Ferrolterra o dos vehículos con dúas rodas só se tolera o Día da Mobilidade para tirar de foto para a prensa. O resto do ano é perigoso arriscarse a empregar a bici ou o monopatín para se desprazar á escola ou ao traballo pois as cidades da nosa contorna seguen estando deseñadas para o lobbie automobilístico. Ao sistema só lle interesa o consumo e prefire o consumo de enerxía fosilista contaminante e ruidosa do que a enerxía limpa e saudavel dos desprazamentos ecolóxicos. Así que Ferrolterra segue carecendo de carrís-bici para podermonos mover ecoloxicamente ao tempo que facemos deporte. Esta ha ser a causa tamén de que sigamos sen transporte público colectivo de calidade inter e intraurbano e de que os camiños de ferro conserven a mesma fasquía daquela locomotora primeira que Curros vira chegar a Ourense no século XIX. 


Mobilidade, do latín mobilitas, -atis, non somentes alude á cualidade do que é móbil ou ten a facultade de se mover senón que tamén denota un estado de axitación, maiormente naquela cidadanía que quere desprazarse en bici ao traballo e séntese  cidadanía de segunda véndose obrigada a circular pola estrada dos vehículos a motor. 


Ás veces a mobilidade significa figuradamente a facilidade en mudar de expresión, sobre de todo cando os ciclistas van a unha tenda de deportes (cada vez máis lonxe do centro da cidade) ou a un pavillón deportivo e teñen que se xogar a vida para poder chegar sen se accidentar.


Así que poñerlles aos nenos un circuito rodado e guiado pola policía local nunha praza o día da mobilidade non é máis ca unha parodia para cumprir simuladamente coas celebracións europeas. Mais as políticas municipais están tan lonxe do Edusi e daquel Plan de Mobilidade Sostivel que todos os partidos políticos asinaron que supoño que cando falan de mobilidade só queren dicir que comemoran a Semana da Volubilidade ou da inconstancia que tamén é un sentido figurado da verba mobilidade.


Claro que non perden ocasión de vender fume traendo especialistas que nos falen das novas fontes de enerxía menos contaminantes que serven como combustibeis. E aquí xa temos a promesa de encher con biocombustibeis os poucos hábitats que nos quedan livres do incendiario eucalito. Alea jacta est. Entramos de cheo no mundo feérico das fadas e na xigantomaquia, na promesa de seguir vivindo sen combustibeis fósiles o mesmiño que viviamos con eles. O caso é vender carros elétricos e cultivar pantasías inviabeis. Basta colocar as palavras bio, verde, sostivel ou economía circular e a seguir comemorando e medrando.
Sabemos que en Ferrol fórmanse verdadeiros atascos ás horas de entrada e saída dos colexios polas moreas de automóbiles dos pais que van soltando fillos e fume a pé de obra. Servirán só para lucimento eses itinerarios escolares seguros que o concello pintarraxa no chan?.Ou será que o Plan MOB de Mobilidade e Espazo Público Sostibel de Ferrol non se refería á mobilidade senón ao tumulto desordeado no que converten as cidades os que governan para os poderes fácticos?


Magoa que non traían ao pedagogo Francesco Tonucci para nos lembrar que a mellor cidade é aquela na que os nenos poden andar sós sen perigo e iso atinxe tanto á mobilidade sostivel como á xustiza social.

Semana da Mobilidade Sostivel?

Te puede interesar