Seica todo é cuestión do estado de ánimo

Nunha entrevista realizada a pasada semana a ministra de Industria facía unha lectura optimista do futuro, tanto polos importantes investimentos que se realizaran cos fondos europeos na actividade industrial, como polos proxectos que se ían poñer en marcha no sector naval e do automóbel, nos que seica Galiza tería un papel importante. Respecto dos proxectos ren concretaba, aínda que deixaba claro que terían que recibir o visto bo da Unión Europea. Deberase ao grao de dependencia ou a que a aprobación por Bruxelas serve como escusa para aplicar medidas impopulares que alentan a concentración e centralización, tanto a nivel territorial como entre clases sociais?


Na entrevista Reyes Maroto botaba balóns fóra respecto da liquidación de Alu Ibérica e Vestas... e a paralización da produción en Alcoa, dando por feito neste último caso que a empresa aposta pola continuidade. Unha actitude que avala a falta dun compromiso real por parte do Governo central, mais que tamén implica unha responsabilidade directa en caso de que non se cumpra o pactado e non reactive dentro de dous anos a produción. Por outra banda, sendo a única alternativa que se lle deixou ao cadro de persoal, non é menos certo que o peche, aínda sendo temporal, vai afectar outras actividades e ao emprego que tiñan relación coa factoría.


A ministra considera, correctamente, que hai que apostar pola descarbonización e a dixitalizacion, e polo tanto por actividades de futuro, mais iso non ten porque implicar o peche de Alu Ibérica, nen de Alcoa, nen de Endesa, sen construír previamente alternativas de emprego. Ademais con estes argumentos resulta inxustificábel o peche de Vestas. O futuro non é só reducir a contaminación e utilizar apropiadamente os limitados recursos do planeta, senón facelo con criterios xustos e solidarios a todos os países e clases sociais. E este non parece ser o caso. Todo indica que máis unha vez a vara de medir depende a que territorio e clase social se aplique.


Cómpre tomar medidas en todos os ámbitos, con alternativas na produción e nos comportamentos sociais, tendo tamén en conta os grandes centros urbanos e a estrema mobilidade, que son fonte importante da contaminación. Ademais, di a ministra, que na Galiza temos que traballar moito a parte anímica; ou sexa, que nos falta empuxe, atrevemento. Coñece pouco das loitas do país, e tampouco existe un contexto, unha historia, unha imposición externa... Esquece que xogamos un papel subalterno, e que as vías comunicacións chegan décadas despois, logo de se adiar anos súa aprobación...

Seica todo é cuestión do estado de ánimo

Te puede interesar