A pasada semana Ferrol parecía estoupar. Hai dúbidas sobre moitos aspectos, pero o que sabemos é que a Xustiza está a investigar un posible delito contra a liberdade sexual dunha muller. A “esquizofrenia virtual” vivida nas redes sociais, alimentada – en moitos casos – por aqueles que negan a existencia da violencia de xénero, deixa ás claras as deficiencias nos campos educativo, cultural, de prevención e asistencia social, así como na seguridade cidadá, unha vez máis.
Con respecto a isto último, vemos como aínda seguimos a sufrir os recortes da etapa Montoro–Rajoy, cunha evidente falta de medios e persoal nos diversos corpos policiais. O pouco peso de Galicia na política estatal, máis cunha Xunta empeñada en bailar ao son do dúo Almeida–Ayuso, fan que os investimentos en seguridade cidadá vaian con atraso.
Igual os tempos son chegados e hai que pór sobre a mesa, a calor cás competencias previstas no Estatuto galego –tendo en conta os efectivos actuais de Garda Civil e Policía Nacional no conxunto de Galicia–, a necesidade imperiosa de desenvolver unha verdadeira Policía Autonómica integral, en vez de seguir á “espera de Madrid”. Claro que para isto a Xunta tería que ter vontade política.