Sáhara: bater no máis débil

A decisión de Pedro Sánchez de renunciar á postura histórica do Estado español (EE) e agora apostar pola proposta marroquí en relación co Sáhara Occidental, mediante unha carta enviada a Mohammed VI, que este país filtrou aos medios de comunicación, deixa en evidencia a inconsistencia do PSOE, tanto nos contidos como nas formas. A ocupación por Marrocos en 1976, forzou a expatriación a área de Tinduf en Alxeria da maioría da povoación; escusándose o Governo español, que deixou axer a Mohammed V, na delicada situación interna por mor da transición política despois da morte do ditador.

Como ben lembra a CIG nun comunicado: “Esta decisión contradí as resolución tomadas pola ONU e outros organismos internacionais (Unión Africana, Corte Internacional de Xustiza etc.), e as múltiples sentenzas de tribunais internacionais sobre o territorio do Sáhara Occidental e os seus recursos, entre elas algunha do Tribunal de Xustiza Europeo, que non recoñecen a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental (...) O Governo español non pode tomar unha decisión ao respecto de xeito unilateral, nin acordalo con Marrocos, sen contar co interlocutor que representa ao Pobo Saharauí, que non é outra que a Fronte Popular para a Liberación de Saguia el-Hamra e Río de Ouro (Fronte Polisario)”.

Tampouco se pode ignorar que unha parte do país, a máis afastada do mar, está controlada polas tropas saharauís, así como que Rabat construíu un muro que divide o territorio en disputa. Ademais, dende un principio da ocupación, planificou a inmigración de marroquís para reducir o peso dos saharauís e mantivo contra deles unha actitude represiva.

Na razón para este cambio non está a defensa do povo saharauí, máxime tendo en conta que a maior parte vive nos campamentos de Tinduf ou na inmigración. Todo indica que a decisión está moi condicionada polas empresas españolas (22.000) que exportan a Marrocos ou polas 1.500 que teñen sucursais. Un dato: o comercio entre ambos estados representou 16 mil millóns de euros en 2019. Sen dúbida tamén pesou o seu que o Governo de Trump convertese a Marrocos na sua base máis importante na África, renunciando á autodeterminación para o Sáhara, postura que ademais apoian Alemaña e Francia. Daquela que todo indique que a cuestión migratoria sexa máis unha escusa que unha contrapartida real (e o referente a Melilla, Ceuta e Canarias?). Mais unha vez a dobre vara de medir, e que se ten en conta a ONU só cando interesa. Que repercusións terá respecto de Alxeria que subministra boa parte do gas?..

Sáhara: bater no máis débil

Te puede interesar