Recuperar a ilustración

Non o din forzas radicais e antisistema, senón o propio Banco Mundial: “O cambio climático, a pobreza e a desigualdade son os problemas que definen a nosa era”. E engade, para salvar responsabilidades tanto desta institución como das grandes potencias que a controlan: “O Grupo do Banco Mundial é a maior fonte de financiamento multilateral sobre cuestións climáticas nos países en desenvolvemento”. Esta afirmación que se utiliza como escusa para botar valóns fóra, non fai máis que confirmar que o obxectivo co que naceu, eliminar a pobreza, non se está a cumprir, e todo indica que é porque os recursos cos que conta non son abondo. Ademais deixa unha pregunta: están estes recursos ben repartidos entre países e nos proxectos acaidos? 
 

Polo tanto, para alén das correccións e melloras que se podan facer en relación cos fondos adicados á loita contra a pobreza do Banco Mundial, dos que seica se favorecen cen países, dado que mesmo así a precariedade está en aumento, a cuestión é: o problema non estará no propio sistema capitalista? Sobre todo tendo en conta a expansión da centralización e concentración do poder e da riqueza, por mor do pulo que se lle deu nas últimas décadas á globalización neoliberal, e do papel que xogaron neste reaxuste as grandes corporacións privadas tanto do ámbito produtivo como dos servizos. Só así se entende que malia os múltiples recursos económicos e en medios humanos, de institucións publicas e ONGs, a tendencia dominante siga a ser a pobreza e desigualdade. 
 

Co engadido nesta etapa dun atranco transversal como é o cambio climático, pois aínda que ese efecto se sinta hoxe máis en determinadas rexións e bata de cheo nas clases e grupos sociais máis desamparados, co tempo, de non atallar a desfeita ecolóxica (incluído a falta dalgúns recursos primarios), poñerá en cuestión a vida no planeta. É dicir, existe unha relación entre pobreza, desigualdade e cambio climático respecto do sistema, tanto no aspecto produtivo como no modo de vida. E este é un reto que vai para alén da cuestión enerxética, xa que ademais esta estreitamente relacionado coa mellora da calidade de vida nos países periféricos e clases sociais subalternas, na limitación da mobilidade e do equilibrio demográfico,... Ou sexa, necesita dun consenso entre países, comezando polas grandes potencias, e o apoio e presión das maiorías sociais, e o recoñecemento da diversidade étnica, lingüística, sexual... A esta altura esta é a única folla de ruta. Xa non vale como saída con futuro a lei da forza e da soberbia. Habería que recuperar a ilustración.

Recuperar a ilustración

Te puede interesar