Rachou a corda

Aínda que os ataques ás repúblicas populares de Donestk e Lugansk por Kiev son unha constante dende o 2014, malia os acordos de Minsk para buscar unha saída pacifica ao conflito, a decisión de Putin de abanear o taboleiro na Ucraína semella ser consecuencia do convencemento de que, mentres se facían múltiples reunións de alto nivel, a OTAN na práctica seguía aumentando o cerco.

Ou sexa, que Estados Unidos non ía aceptar ningún acordo que implicase dar garantías á Federación Rusa de que non estaría a mercede das armas do Pentágono e aliados. No fundamental nunca houbo negociacións para alén da teatralización, e demostrouse que a pretensión de Washington é recuperar a hexemonía total, revertendo a tendencia das últimas décadas que debuxa un mundo multipolar.

É agora que? En principio Biden consigue dividir o mundo en bloques, xa que Rusia non será illada de China e doutros países, recuperando o dominio da maior parte do planeta. Utilizará todos os medios para afectar á economía de Rusia e outras potencias emerxentes, e co tempo seu poder militar. Este sería o plan.

Mais, as potencias emerxentes teñen enormes recursos enerxéticos e de minerais, en moitos casos xa foron sancionadas con anterioridade con menos efectos negativos dos esperados, e estas novas sancións tamén prexudicaran moi directamente á Unión Europea.

Ademais, tampouco está tan claro que todos os países da periferia se sumen ao cerco contra Rusia, máxime cando saben que de facelo dan carta de corsario a Estados Unidos, a Unión Europea e a outras nacións moi ligadas ás potencias centrais.

A situación mundial pode mudar moito nos vindeiros días e meses, máxime cando aos conflitos de poder se lle suman os ecolóxicos, de esgotamento de recursos, de medre da desigualdade entre países e entre clases sociais, a violencia en todas as formas, e a ruptura entre as institucións e unha boa parte da sociedade, mesmo nas chamadas “democracias”. Non se pode obviar que este salto adiante no conflito afectará a Rusia porén tamén con moita intensidade aos países de Europa.

Non só polo aumento dos prezos da enerxía, senón porque non é tan doada a substitución. Mesmo pensar que o problema se reduce ao enerxético sería ignorar que Rusia é unha das economías máis fortes do mundo, aínda que o rublo perdese valor por mor das sancións e presións externas, a produción en termos de capacidade de merca é semellante á de Alemaña. Do que non hai dúbida é que con cada sanción retrocede a paz, así como a globalización, aínda que a pretensión dos que toman estas medidas sexa a contraria.


Rachou a corda

Te puede interesar