O pasado 14 de febreiro fixo catro décadas que o sindicalismo nacionalista atreveuse en solitario a realizar unha “folga nacional na Galiza”, aproveitando a convocatoria de CC.OO., UGT e INTG, para facer un paro na comarca de Vigo, e en Astano e Bazán no Ferrol, contra a reconversión no sector naval (atinxía especialmente a Astano que pasaría a ter un cadro de persoal de 2.200 operarios dun total de 5.689 cos que contaba nese intre).
A INTG (hoxe CIG) propuxo ás outras dúas centrais alargar a folga a toda Galiza, mais estas contestaron que non había condicións, porque a situación non era o mesma en todos lados, e que facía imposíbel un paro de solidariedade. Dende o nacionalismo retrucábase que se ían parar outros sectores na comarca de Vigo porque non en Ourense ou Lugo, máxime sendo o naval estratéxico e abranguendo o desmantelamento industrial e o desemprego a todo o país.
Ninguén esperaba que o paro callase, a INTG non tiña nen a afiliación nen a porcentaxe de delegados e delegadas que ten hoxe a CIG, e había unha oposición moi forte de CC.OO e UGT, que eran as centrais maioritarias, así como unha belixerancia total por parte do Goberno do PSOE e da patronal.
Aínda con estes atrancos a folga foi un éxito en Ourense, unha comarca interior, e tivo moita repercusión na Coruña, Compostela e outras cidades galegas, así como en numerosas vilas. É verdade que daquela o nacionalismo galego axía como un todo, para alén do ámbito no que se militase, e iso permitíalle sumar sinerxías (do movemento estudantil, do agro, da cultura....). A primeira consecuencia foi que, premida pola base, CC.OO. mudou de postura, o que permitiu reforzar a loita contra o desmantelamento do sector naval con dúas novas folgas xerais, convocadas conxuntamente CCOO-INTG, o 12 de xullo e 29 de novembro dese ano.
A folga do 14-F para alén de que fose o primeiro paro nacional que se fixo na Galiza dende o ano 1932, cando parou toda o país durante tres días, e a comarca de Ferrol durante 23, na defensa da Construtora Naval de Ferrol (a Bazán), deixou algunhas experiencias a ter en conta no futuro. A primeira, que a clase traballadora sempre está disposta a loitar cando olla que hai obxectivos e unha folla de ruta claros para conseguilos.
A segunda, que ademais do estado de ánimo da xente e a correlación de forzas conta moito a organización e o atrevemento. A terceira, que os galegos e galegas temos conciencia de nacionalidade. Esta folga foi un éxito do (e para) a clase traballadora e un paso adiante para o sindicalismo de clase e nacionalista galego.