Un perdón extemporáneo

Se é verdade que nunca é tarde para pedir perdón, non é menos certo que mellor resulta pedilo ao seu tempo. Rematamos de celebrar un ano máis o que demos en chamar “O día da Hispanidade” e a estas alturas un xa se cuestiona se convén celebrar estas cousas porque algúns se empeñan e crearnos un incómodo complexo de culpabilidade por como hai máis de cincocentos anos comezou aquilo que se dou en chamar a “conquista de América”. E nesas seguimos arestora. O mapa do mundo actual, as raias que limitan uns países cos outros, foron creadas a golpe de invasións, guerras e conquistas: uns pobos intentando penetrar nos dominios doutros pobos sen importarlles moito o respecto a culturas e costumes. Colón, por casualidade, descobre novos territorios alén do mar e despois veu o que veu: a anexión daquelas terras ao reino de las Españas con todo o que iso supuxo. Os territorios anexiónanse non polas boas vontades das partes: sempre, ou case sempre, nesta arela prevalece a razón da forza sobre a forza da razón e os intereses do conquistador sobre o respecto ao pobo conquistado. Isto é así por moitas voltas que lle queiramos dar a este asunto. Dito isto, convén engadir que é innegable a brutalidade con que se actuou na conquista e colonización dos pobos de América hai disto máis de cinco séculos, pero tamén teño que engadir que de todo aquilo eu non son responsable, o mesmo que o resto da cidadanía deste país chamado España. Hernán Cortés someteu a Moctezuma porque acadou o apoio doutras tribos que non estaban en sintonía co emperador dos aztecas. El só, cos seus homes, non podería. Pero esa é outra historia. O que debera ocupar arestora á presidenta de Mexico Claudia Sheinbaum é como rematar coa criminalidade que existe no seu país, onde os asasinatos se contan por milleiros, onde matan e decapitan alcaldes, onde aparecen cadáveres pendurados das pontes, onde desaparece xente e as bandas criminais imperan polos seus respectos... etcétera. Andar a lle dar voltas con solicitar o perdón dos españois polos desmáns que sen dúbida cometeron os conquistadores en 1519-21, dado o afastamento no tempo, penso que non ten moito sentido a estas alturas. Pero é un estigma este que marcou a varios gobernos dese país irmán. Unha curiosidade: Claudia Sheinbaum nomeou xefe da Garda Nacional de México a un xeral cuxo nome é Hernán Cortés, vaia casualidade. Só faltaría que o seu secretario fose un tal Francisco Pizarro. Reitero: eu non son responsable do acontecido naquelas latitudes no ano 1519 e, xa que logo, en puridade, non teño por que pedir perdón a ninguén nin que ninguén o faga no meu nome. 

Un perdón extemporáneo

Te puede interesar