Cada día que pasa resulta máis evidente que cómpre unha nova orde mundial, no político, no económico e social, tamén respecto do ecosistema e do comportamento humano. Coidar que os avances técnicos, que son esenciais, van solucionar cuestións como o equilibrio demográfico e a mobilidade estrema, ou o medre da desigualdade tanto entre países como entre clases sociais, ou a desaparición de culturas e linguas que son parte da riqueza do mundo, é a maior das mentiras. Ademais, tampouco evitan o aumento das contradicións, das guerras, da represión e da explotación baixo novas formas.
Non é o axeitado que a Unión Europea adique os grandes investimentos (Next Generation, multiplicar o gasto militar, subordinación ao enerxético...) apostando por unha alternativa que confronta con Rusia, China e outras potencias e nacións. Evidentemente faino non só por seguidismo respecto de Washington, que busca manter a súa hexemonía, senón tamén, non se pode obviar, para defender os intereses económicos das súas propias corporacións na América Latina, África e Asia. E neste aspecto o poder e a expansión militar dos Estados Unidos con 254 bases en 70 países élles unha garantía, aínda que sexa como socios menores.
Esta liña política e de pensamento, ademais de aumentar a desigualdade e precariedade, dá folgos a un menor desenvolvemento e á perda de relevancia da UE no mundo. Ao que cómpre engadir que ademais dá pulo á imposición do pensamento único, a demonizar aquelas propostas que non apostan por un mundo dividido en bloques de bos e malos, que cuestionan a foto fixa e procuran unha visión máis plural da humanidade. Non son poucas as potencias emerxentes que cada vez se afastan máis desta postura belixerante, dende Turquía a Brasil, de México a Indonesia, da India a Arabia Saudí... É verdade moitas non son modelo de democracia. Mais cantos estados poden dicir que o son, cando as decisións as toman cúpulas de costas ao sentir do povo e con manipulacións? (tamén na Unión Europea).
Están pasando no mundo feitos moi graves, que nos atinxen a todos e todas. É verdade que estes problemas xerais non deben agochar a aqueles da nosa localidade, aos da nación galega, tan esenciais, a mesmo aos do Estado e da UE que nos afectan moi directamente, porén é importante relacionalos, e ofrecer unha interpretación axeitada en beneficio das maiorías. Unha política ao servizo da xente, da súa participación e protagonismo. Unha política autocrítica, con análise e propostas, de xustiza social, democracia, e soberanía nacional e popular.