Negociar a paz, nun mundo multipolar

Pódenos caer ben ou mal Orbán, o Presidente de Hungría, concretamente eu estou a anos luz das políticas económicas e sociais que defende, de dereita. Mais semellan do máis razoábel respecto do conflito entre a Federación Rusa e a Ucraína (en realidade o bloque occidental) tanto en relación coas sancións impostas a Moscova como no relativo a abrir conversas que permitan acadar a paz ou un alto ao fogo. Propostas que contrastan cos seus críticos na UE que botan mensaxes incendiarios, tanto sexan neoliberais como progresistas, o que amosa o cuestionábel que son moitas cualificacións político-ideolóxicas nesta conxuntura. 
 

Dirase que Orbán faino porque depende do petróleo e gas ruso, vale, é certo, mais non se pode obviar que tamén incide o trato que dá Zelenski á minoría húngara na Ucraína. Ademais, os países occidentais mercan a través de terceiros enerxía rusa, sen ningún tipo de complexos mentres sacan peito polas sancións que lle impoñen á Federación. Non é esta unha actitude máis cínica?
 

A última critica de Orbán aos seus socios na UE é porque se estaría a debater o envío de tropas á Ucraína, ou sexa unha intervención directa ou un maior número de mercenarios camuflados  (como xa estaría a acontecer coa utilización de armas antiaéreas; tamén cos leopard?), co que isto implica alentar unha guerra directa entre a OTAN e máis Rusia. Agora ben, ademais das consecuencias dun paso deste tipo, en relación co aumento da destrución de infraestrutura e mortes e feridos, tamén afectaría á povoación dos países da UE. Tampouco se pode obviar que estas decisións tómanse sen a participación directa da sociedade civil na Unión Europea, malia teren un carácter transcendental. Polo que resultan inaceptábeis, cando se deciden por superestruturas pouco ou nada participativas, e cunha clara complicidade cos grupos de poder e os partidos sistémicos.
 

A utilización por parte de Rusia de mísiles Kinzhal, hipersónicos, que acadan obxectivos a máis de dous mil quilómetros, como contestación a atentados terroristas contra civís no seu territorio, así como o derribo “casual” dun dron espía de Estado Unidos no Mar Negro, están a fixar as liñas vermellas da intervención exterior na guerra (definitivamente?). Unha dura contestación á OTAN+G-7 que están acotío ampliando a súa intervención tanto na economía, como militar, e no relato alentando a violencia. O que alimenta o perigo nuclear e que cada día a Ucraína estea máis desfeita,... ignorando a crise sistémica e que o mundo multipolar non ten marcha atrás.

Negociar a paz, nun mundo multipolar

Te puede interesar