Nas mesmas

in que co paso dos anos, cando te achegas á vellez, acabas por recordar mellor cousas afastadas no tempo que cousas máis recentes. Non sei o que haberá de certo niso. O que si está máis que comprobado é que esa curiosa situación se dá nas persoas que padecen alzeimer, terrible enfermidade que, afortunadamente, non padezo e oxalá que non me toque nunca padecela, máis que por min, pola xente que me rodea. Por sorte, os males que teño non lle afectaron para nada á cabeza, que me segue a funcionar como sempre. A moi boa memoria incluída. Digo isto porque, aínda que, practicamente, transcorreron dous anos daquel, na miña opinión lamentable, discurso de Luís Rubiales, no que insistentemente manifestou que non ía dimitir, estaba convencido de que recordaba perfectamente as partes do mesmo que máis me interesaran. Porque, a dicir verdade, ese acto tivera o seu aquel, como reflexo que foi do xeito de pensar da práctica totalidade da cúpula futbolística española. Como a asistencia non era obrigatoria, hai que entender que quen alí foi compartía o esencial do expresado polo pensamento. Velaí os aplausos e a ausencia de manifestacións discrepantes. Hai uns días, busquei a gravación no youtube e, volvendo a ver o discurso, comprobei que a memoria non me fallaba nada.


Rubiales, como é sabido, acabara dimitindo e ninguén o acompañara, como adoita ser habitualmente. Houbo cambios, pero nada se conmoveu. E seguimos nas mesmas. Ou voltamos a elas.


Hai anos que son seguidor do fútbol feminino. E gusto de velo, no campo ou no televisor. Mais, á vista dos acontecementos, decidira non ver partidos de España do mundial de Australia 2023, determinación que mantiven ata hoxe. Lembremos que nas vésperas daquela copa do mundo un nutrido grupo das mellores xogadoras españolas fixera pública a súa decisión de non querer volver ser seleccionadas se non se atendía a determinadas demandas, que parecían de total xustiza. Unha delas o cese de Vilda. Houbo absurdas ameazas, mesturadas con opacas negociacións, que acabaron coa reintegración ao grupo da maior parte das asinantes da reclamación. Outras, como Mapi León e Patri Guijarro, non cederon. A dignidade por riba de todo. Logo España gañou o mundial, terra ao asunto e... Non vin, xa que logo, en directo, nin a groseira escena no palco dun vicepresidente da UEFA, Luís Rubiales, nin o bico, sen consentimento, dun presidente da RFEF a unha xogadora no acto de entrega de medallas. O que vin é que o seleccionador acabou marchando, mais quedou no seu lugar unha señora que rompía as mans aplaudindo Rubiales. O mesmo que o seleccionador masculino, do que hoxe non toca falar.


Na rolda de prensa na que deu a coñecer a relación de xogadoras convocadas para o próximo europeo, a seleccionadora xustificou a ausencia de Jenni Hermoso alegando que era “algo recurrente” que se decidira despois de analizar o seu ano, mesmo con informes mexicanos, algo, que me resulta difícil de crer. E aínda que así fose, non se debería deixar fora alguén que segue a xogar a moi alto nivel e que é todo un símbolo do fútbol feminino español. Non esquezamos que segue a ser a máxima goleadora -con case o dobre de tantos da segunda- da selección española. Sen deixarmos de lado o Premio Sócrates. Algo máis ten que haber aí. Que serán eses entornos con tan mala enerxía dos que fala a futbolista?


Seguirei, pois, sen ver a selección.

Nas mesmas

Te puede interesar

Enrique Barrera Beitia
Xoán Rubia
Xosé María Dobarro
Enrique Barrera Beitia
Xoán Rubia
Xosé María Dobarro